Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Prezos a partir de tres euros

Póñense á venda as entradas para o Mundial de Hóckey Patíns de Vigo

Han custar menos que as do Campionato de Montreux, en 2007. A cidade olívica comeza a prepararse para ser a capital mundial deste deporte.

Redacción - 11:15 09/06/2009
Logo do Mundial

Logo do Mundial

Esta terza feira 9 de xuño, póñense á venda os billetes para asistir aos encontros do Mundial de Hóckey sobre patíns que se disputará nas cidades de Vigo e Pontevedra entre o 4 e o 11 de xullo. O prezo das entradas -que se poden mercar a través da web do Mundial-, irá dos tres -as de nenos, sen numerar-, até os 22 euros. Son prezos inferiores que os aplicados no último encontro do hóckey patíns a nivel internacional, o Mundial desenvolvido na cidade suíza de Montreux en 2007, segundo sinalou a organización.

Os prezos fixéronse públicos a pasada semana en Vigo, após a última xuntanza do comité organizador, na que tamén participou o seleccionador estatal Carlos Feriche, quen anunciou, ademais, que o equipo vai adestrar na cidade entre o 21 e o 27 de xuño. Feriche tamén revelou a súa intención de contar cun xogador galego na selección estatal dentro de pouco.

Na xuntanza tamén participou o tenente de alcalde de Vigo, Santiago Domínguez, quen dixo que a cidade pretende, ao acoller este mundial, contar coas mellores seleccións do mundo; demostrar o seu potencial organizador, xunto con Pontevedra e co país enteiro; implicar a cidadanía; e permitir a proxección internacional da cidade e de toda Galiza.

Un mundial cunha outra lingua oficial: o galego
Durante unha semana Vigo e Pontevedra serán referente mundial do hóckey a patíns, un deporte cun importante número de seareiros en moitos países. Será ademais o mundial desta especialidade con maior cobertura televisiva da historia, chegando por vez primeira ás pantallas asiáticas.

Malia que a Federación Internacional de Deportes sobre Patíns (International Roller Sports Federation), que ten como linguas oficiais o castelán e o inglés. Mais en Vigo vai haber unha outra lingua oficial: o galego.

Tal e como adiantou Vieiros hai xa un ano, segundo o protocolo asinado en 2008 pola Federación Estatal de Patinaxe, a Federación Galega, o Concello de Vigo e o de Pontevedra (representado polo tenente alcalde, Santiago Domínguez, e os concelleiros de Deportes de Vigo e Pontevedra, Xavier Alonso e Chano Esperón respectivamente) e a Federación Internacional: a terceira lingua oficial en Vigo 2009 vai ser o galego. Isto quere dicir que todas as comunicacións se van facer nas tres linguas.


Ligazóns

3/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: