Carlos Marcos presentou unha denuncia para saber a identidade da persoa que editou a páxina do seu partido, cualificándoo de "ultradereitista".
Carlos Marcos segue na procura da persoa que editou a páxina do seu partido, Unión Coruñesa, na Wikipedia -en castelán-, describíndoo como "ultradereitista", "contrario á inmigración" e da corda de Jean-Marie Le Pen. O líder de Unión Coruñesa presentou nos xulgados da cidade unha denuncia na que exixe que o responsábel da publicación do texto sexa localizado e pague unha fianza de 25 mil euros, por un delito de "calumnias e inxurias".
Segundo publica o xornal coruñés La Opinión, os avogados do político coruñés consideran que a información que aparece na enciclopedia da rede foi redactada e publicada "coa intención de danar a imaxe" do dirixente de Unión Coruñesa. Polo seu lado, os servizos xurídicos do partido non dubidan en cualificar a definición como "degradante" e exixen unha actuación contra o autor do texto e contra a propia Wikipedia.
Na actualidade existe unha outra páxina co nome de Carlos Marcos na Wikipedia en castelán, na que non se recollen contidos semellantes aos denunciados polo político e que foi modificada o pasado día 20 de maio.