Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Eleccións Europeas

A prensa internacional subliña a viraxe cara a dereita dos europeos

Alén de analizalaso en clave "nacional", os xornais europeos coinciden en sinalar que nestes comiciso Europa deu unha viraxe cara a dereita.

Redacción - 14:00 08/06/2009
A fotografía do primeiro ministro británico, Gordon Brown, que acompaña a noticia en The Guardian

A fotografía do primeiro ministro británico, Gordon Brown, que acompaña a noticia en The Guardian

Ofrecémoslles unha pequena análise do que saíu nos medios de comunicación internacionais sobre os comicios europeos.

Na prensa portuguesa
No Público portugués abren analizando os resultados do Partido Socialista Portugués, e sinalan que o seu primeiro ministro, o socialista José Sócrates, "não resistiu à escolha dos eleitores", sufrindo o domingo "a súa primeira derrota electoral". Por outro lado, no Diário de Notícias titulan pola continuidade de Durão Barroso á fronte da Comisión Europea: Direita reforça maioria e abre caminho para Durão.

Na prensa francesa
Le Monde abre cunhas declaracións do presidente francés, Nicolas Sarkozy, quen se amosa reforzado polo apoio recibido, e revela a súa intención de implementar novas medidas e novos retos. Tamén analiza, minuto a minuto, as reaccións dos líderes dos partidos que se presentaban por Francia a estas eleccións.

En Le Figaro tamén abren coa "vitoria da UMP" nas eleccións europeas, o que, sinalan, "reforza a Sarkozy". Na súa primeira capa tamén fan unha análise xeral dos comicios, baixo o título "Os conservadores de toda Europa saen fortalecidos".

Pola contra, no xornal Libération non escolleron a noticia das eleccións europeas para abrir esta segunda feira. Abren coa noticia da morte do presidente de Gabón -negada dende o país africano-, seguida dunha noticia de política interna francesa. A vitoria do partido de Sarkozy é a terceira noticia na primeira capa, e nela destacan as declaracións do mandatario francés e as reaccións, minuto a minuto, dos principais partidos, incluída a alegría do partido Europe Ecologie -que se situou como terceira forza no país-, e o "colapso" dos socialistas.

Na prensa británica
The Guardian analiza as eleccións en "clave de país", sinalando que o primeiro ministro británico, Gordon Brown, se enfronta ao primeiro "desafío importante" ao seu liderado. Mais tamén indican que os máis prexudicados foron os social-demócratas -os "humillados"-, mentres a dereita colleitou unha ampla vantaxe no continente. Por outro lado, no diario The Times abren cunha análise dos resultados para o Partido Laborista, revelando que é posíbel que os deputados da formación contrarios a Brown poderían pedir a súa dimisións, tras o fracaso das Europeas.

Na BBC fan unha análise dos resultados xerais, sinalando que os máis prexudicados foron os partidos da esquerda, e os que saíron fortalecidos os de centrodereita, mais tamén os de extrema dereita e os partidos contrarios á inmigración. Destacan, ademais, as "históricas derrotas" do Partido Laborista do Reino Unido, os socialdemócratas alemáns e os socialistas franceses. Alén disto, prevén que Durão Barroso, apoiado polo PPE (Partido Popular Europeo) cumpra un segundo mandado como presidente da Comisión Europea.

Na prensa norteamericana
En The New York Times a noticia das eleccións europeas é titulada polos "desastrosos resultados" do Partido Laborista, do primeiro ministro do Reino Unido, Gordon Brown. Unha histórica derrota, din "alimentada polos escándalos" acontecidos dentro do seu propio gabinete. Tamén sinalan que Brown terá que se enfrontar a un "novo e gran reto" esta segunda feira, fronte os pésimos resultados recollidos, "que poderían amplificar as chamadas", dentro do seu partido, para a súa "expulsión".

No USA Today non recollen a información na primeira capa, senón na sección Mundo. Tratase de información de axencia, sen pasar por unha fonda análise, na que o titular sinala que os grandes perdedores das eleccións europeas foron os partidos da esquerda, castigados polos votantes nalgunhas das "economías máis grandes de Europa", onde a vitoria foi "para os conservadores". Tamén recollen que os partidos da dereita xustificaron a súa vitoria na reticencia da esquerda de "gastar máis en rescatar as economías da crise".

Na prensa latinoamericana
No xornal arxentino Clarín titulan falan dun "Avance da dereita nas eleccións para o Parlamento europeo". N'O Globo brasileiro sinalan que Europa fica "máis á dereita", coa vitoria do Partido Popular Europeo, que dende agora, contan, "aumenta a súa capacidade para decidir a axenda nunha asemblea por onde pasan moitas das leis da Unión Europea e o orzamento".

Dende Venezuela, o xornal El Universal sinala que a esquerda confirmou un "aberto debilitamento" neste comicios. En El Nacional collen a noticia en clave "española", dicindo que estas eleccións "eran consideradas un exame para o goberno de Rodríguez Zapatero", un "un aviso importante cando España se atopa en recesión".


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A imaxe de Daniel Cohn-Bendit, líder de Europe Ecologie, é portada no Libération
A imaxe de Daniel Cohn-Bendit, líder de Europe Ecologie, é portada no Libération
Imaxe dun grupo de militantes do Partido Socialista francés, na portada do Le Monde
Imaxe dun grupo de militantes do Partido Socialista francés, na portada do Le Monde
No xornal venezolano El Nacional fan unha do que significan as eleccións para o goberno español, e ilustrána con esta fotografía
No xornal venezolano El Nacional fan unha do que significan as eleccións para o goberno español, e ilustrána con esta fotografía