A formación internauta superou o 7% dos votos no país escandinavo, o que lle asegura un escano, que serán dous co Tratado de Lisboa.
O Partido Pirata sueco (Piratpartiet, PP) obtivo representación no Parlamento Europeo. Segundo os datos premilinares, a formación política fundada no ano 2006 para defender os dereitos dos internautas obtivo o 7,1 por cento dos votos, o que lle asegura un escano en Estrasburgo. Ese escano duplicarase cando entre en vigor o Tratado de Lisboa.
O partido, que foi tomado a broma dende moitos medios cando se fundou, conseguiu recoller os sufraxios da xente descontenta coa lexislación sueca, que prohibe o intercambio de arquivos sen ánimo de lucro. As enquisas xa amosaban que a nova opción política tiña practicamente asegurada a presenza no Europarlamento.
Así, un dos 18 escanos cos que contará Suecia vai para o Partido Pirata, que queda por diante de partidos tradicionais, como o Partido da Esquerda (Vänsterpartiet), que perde un dos seus dous escanos; do Partido do Centro (Centerpartiet), que mantén o seu asento; igual ca os Demócratas Cristiáns (Kristdemokraterna). Coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa, Suecia pasará a contar con 20 asentos, e o Partido Pirata, con dous.
O líder do PP sueco, Rick Falkvinge, afirmou que "cambiou o panorama da política europea" e que "a cidadanía entendeu que é o momento de marcar a diferenza. Os vellos políticos destruíron o estilo de vida da xente nova". A participación en Suecia foi do 43 por cento, algo superior á dos comicios de 2004, o que supuxo que os piratas recibisen 200 mil votos, un importante incremento con respecto ás eleccións lexislativas de 2006, cando recibiran apenas 35 mil.