Eran os comicios máis importantes en décadas, dada a inestábel situación que se vivía no país dende o asasinato do ex primeiro ministro. Os ollos de Oriente enteiro e parte de Occidente estaban postos nas súas urnas.
A participación das anteriores eleccións xerais, as de 2005 (45%) elevouse este domingo até o 54%. Segundo as enquisas e as análises electorais, os votantes do Líbano habían optar por un destes dous proxectos antagónicos: reforzar os vínculos con Occidente ou reforzar as ligazóns con Siria e Irán. Finalmente gañou a primeira opción, xa que a Coalición do 14 de Marzo, que agrupa a sunitas, drusos e parte da dividida comunidade cristiá, apoiada polos EUA, alzouse co triunfo. O seu dirixente, o fillo do ex primeiro ministro, Rafiq al Hariri, Saad Hariri.
Esta coalición terá, a falta de escrutar a totalidade dos votos, uns 128 escanos. Do outro lado ficaba o bloque formado por Hesbulá e os seus aliados cristiáns, que desafiaran aos pro-occidentais, pero que pasada a media noite do domingo xa aceptaban implicitamente a derrota e falaban da necesidade de conformar un goberno de coalición. "Líbano está gobernado por unha coalición e calquera que sexa o resultado, non podemos mudar o delicado equilibrio e repetir experiencias do pasado que guiaron o país á catástrofe. Quen desexe estabilidade política, preservar a unidade nacional e a resurrección do país, non terá outra opción que aceptar o principio do consenso", declarou Hassan Fadlala, dirixente de Hesbulá.
Porén, a estabilidade non está garantida. Entre outras cousas porque os movementos xiís de Hesbulá prometeron continuar co seu rearme. A coalición da que fai parte, con Amal, o Frente Patriótico do ex xeneral Michel Aoun (Coalición do 8 de Marzo), conseguiron o dereito de veto ás decisións máis importantes do goberno en maio de 2008, a través da toma de Beirut por parte das súas milicias, e a súa inclusión final no Executivo libanés. Un dereito ao que non posibelmente non vaian renunciar no futuro, guiados por Teherán e Damasco.
Un país na inestabilidade
Arestora segue a ser Libia un país dividido en dúas partes, e ningunha delas esconde os seus aliados -e ben é certo que os aliados duns e doutros, occidentais ou orientais tampouco se agochan. O futuro Executivo terá que se enfrontar a un país gobernado moitas veces dende o estranxeiro e un Parlamento que apenas se convoca. Alén dos feitos violentos do pasado, que aínda non foron resoltos, coma o asasinato do ex primeiro ministro ministro Rafiq al Hariri, em 2005, do que a ONU culpou a Siria. O goberno de Damasco negou firmemente estas acusacións, e retirou as súas tropas do país despois de estaren nel 29 anos continuados.
As eleccións supuñan a culminación dun longo proceso, que comezou hai case un ano e que pechou a peor época de violencia rexistrada no Líbano dende a guerra civil (1975-1990). Cando se asinou o acordo para terminar coa violencia, facía medio ano que o Líbano estaba sen presidente, e dúas semanas antes morreran perto de 70 persoas en enfrontamentos entre elementos pro-gobernamentais e militantes de Hesbulá, que comezaran cando o executivo libanés cancelara a rede telefónica privada do grupo xií. Dende que foi asinado o acordo de paz en Qatar, baixo a mediación da Liga Árabe, Hesbulá respectou a formación dun novo goberno, mais conservando o seu dereito de veto sobre as decisións máis importantes do executivo, encabezado, hoxe en día, polo presidente católico maronita Michel Suleiman.
Un Parlamento confesional
A falta de facer un escrutinio completo, nos vindeiros días conformarase o Parlamento libanés. Esta Cámara é confesional, de tal xeito que o 50% dos escanos correspóndenlles ás formacións cristiás, e a outra metade ás musulmás. Aos musulmáns sunitas garántenlles 27 escanos, os mesmos que aos xiís. Os drusos teñen oito escanos e os alauítas, dous. No espectro cristián, 34 escanos resérvanse para os maronitas, 14 para os ortodoxos gregos, oito para os católicos, seis para os armenios e dous para outras minorías.
Para ampliar información: