Xosé Blanco, Carmela Silva e Elena Espinosa estiveron nos actos de peche de campaña en Galiza, acompañando o candidato do PSdeG á Eurocámara, Antolín Sánchez Presedo.
O vicesecretario xeral do PSOE e ministro de Fomento, o ulloán Xosé Blanco, estivo acompañando o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, e o eurocandidato da formación, Antolín Sánchez Presedo, no peche de campaña que os socialistas galegos desenvolveron en Vigo esta sexta feira. Alí, Blanco pediulle "aos progresistas" que voten "masivamente", e asegurou que será o PSOE quen gañe os comicios europeos o vindeiro domingo, "aínda que sexa no último minuto, e de penalti".
No mitin que se desenvolveu no barrio d'O Calvario, Blanco considerou "moi importantes" estas eleccións, xa que, segundo dixo, o seu partido está "á vangarda da esquerda en Europa". Nesta liña, destacou que os galegos tamén xogan este domingo a posibilidade de ter "o partido máis comprometido socialmente en Europa", en referencia á súa propia formación, e criticou duramente o PP e a "dereita" que "quere regular as nosas vidas e que ninguén regule os seus negocios". Nesta liña, e denunciando a "dobre moral e a hipocrisía" da dereita, chamándolles "vagos" a Mayor Oreja e Luis de Grandes -europarlamentarios do PP-, Blanco volveu recalcar a intención do PSOE de "mobilizar o maior número de recursos" para o país.
Vázquez censura o "modelo rancio de Feijoo"
Polo seu lado, o líder dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, contrapuxo a actitude do ministro de Fomento, de "mellorar o TAV a Galiza" coa postura da "Xunta do PPdeG, de parar o desenvolvemento porque hai moitas dificultades". Así, censurou o que chamou "modelo rancio" de Feijoo, "que di que a crise arránxase paralizando e cunha estratexia anti-Vigo", citando proxectos como a nova depuradora, o cuarto hospital ou a Cidade do Mar. No mitin tamén estaban, ademais de Sánchez Presedo, a voceira dos socialistas no Senado, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
De mañá, ademais, estivo a ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, a ourensá Elena Espinosa, n'A Coruña, onde lle pediu aos galegos que "voten, e voten socialista", porque "non se debe pensar que todos os dereitos están consolidados", e co fin de evitar que domine o Parlamento europeo "a dereita rancia e antiga".