Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
OBRA DE HENRIQUE HARGUINDEY

'La Galice': o país a través de ollos franceses

O libro repasa a presenza de Galiza nos textos escritos por viaxeiros e literatos de Francia, dende a Idade Media até o 'Prestige'.

Redacción - 09:00 06/06/2009

Entre Galiza e Francia estabeleceuse, hai xa mil anos, unha vía directa de comunicación, o Camiño de Santiago, que posibilitou que milleiros de peregrinos e viaxeiros chegasen ao noso país dende o outro lado dos Pireneos. A presenza francesa en Galiza continuou ao longo dos séculos, e fíxose máis presente, claro, durante a invasión napoleónica e a guerra da independencia. Xa no século XX, a relación continuou e viaxeiros, xornalistas e escritores francófonos seguiron facendo numerosas referencias ao noso país.

O lucense Henrique Harguindey Banet, catedrático de francés de ensino medio, vén de publicar na USC La Galice. Dez séculos de olladas francesas, unha escolma de textos franceses con mencións a Galiza escritos nos mil últimos anos. Xa a Canción de Roland (XII), un dos primeiros textos escritos en francés, dice "e prefire a traición e o crime a todo o ouro de Galiza". O noso país era unha terra de riquezas, un reino poderoso e un lugar de peregrinación, resistencia cristiá fronte aos pobos musulmáns do resto da Península, e de feito 'Galicia' designaba a todos os territorios cristiáns ao sur dos Pireneos.

No libro aparecen os relatos de viaxe de Madame d'Aulnoy, publicados en 1691, e con abondosas mencións a Galiza, principalmente a Compostela, Tui e Ourense. Tamén aparece o noso país nas Cartas Persas de Montesquieu ou no Cándido de Voltaire. e coñecida é a obra de Víctor Hugo 'O Reiciño de Galicia', un extenso poema protagonizado polo Rei García: "Ao caír a tardiña apareceu Compostela. O cabalo cruzou a ponte que entra nela". E tampouco é nova a noticia da presenza de Vigo nas 20.000 leguas de viaxe submarina de Xulio Verne: "Entón, señor Aronnax, respondeume o capitán Nemo, estamos nesa Baía de Vigo, e non depende senón de vostede o penetrar os seus misterios".

Mais non só na literatura; en 1807, o consul francés na Coruña, Charles-Louis de Fourcroy, envía un completo informe sobre a Galiza do momento, con descricións das súas cidades e vilas e da súa economía; fala moito, igualmente, sobre a emigración galega a Portugal, e mesmo describe o carácter dos galegos: "O paisano galego, con aspecto da maior bonhomía, é extremadamente desconfiado. Asegúranme que de toda España este é o país no que os principios revolucionarios fixeran os maiores progresos: unha faísca tería sido suficiente no pasado para prender un grande incendio, e a xente que ten algo que perder non deixou de pasar grandes esperanzas".

Ese ano comezou a invasión napoleónica, que rapidamente ocupou o noso país. Deses anos datan un número moi grande de crónicas e descricións de Galiza realizadas polos militares franceses, tanto das súas impresións sobre a terra, como sobre os distintos eventos da guerra: "Queimamos máis de sesenta aldeas neste val. Nun lugar perto de Redondela, unha rapaza de dezaseis a dezaoito anos, fermosa coma un anxo, ao non se querer someter aos desexos desenfreados dalgúns soldados e tras ter visto morrer a seu pai e a súa nai, preferiu morrer nas chamas antes que caír nas mans deles".

No século XX comezan os primeiros textos turísticos, coma o publicado xa en 1895 na revista Le Tour du monde, que percorre Cangas, Tui, Vigo, Pontevedra e Compostela. E outras nearracións de viaxeiros, coma os que realizan Hélène Fortoul e Raymond Queneau. Ou a Galiza gris que pinta Blaise Cendrars na postguerra: "todo anda abandonado (...) errei todo o día a través das rúas suxas nas que non había maneira de comer ben".

O libro péchase cun extracto da reportaxe publicada por Paris Match en 2002 sobre a catástrofe do Prestige, e a resposta cidadá que agromou: "a linguaxe corrida de Victoria endurécese, maiormente cando fala dos políticos: Que se atrevan a vir, ameaza. Se vexo a un só da tropa de Fraga, Rajoy, Aznar...".


5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A batalla de Rande e a Catedral de Santiago, dúas referencias nos escritos franceses sobre Galicia
A batalla de Rande e a Catedral de Santiago, dúas referencias nos escritos franceses sobre Galicia