Verdegaia entrega os seus premios anuais, a xornada seguinte ao Día Mundial do Ambiente, á mellor e á peor actuación ambiental do ano.
Verdegaia entregará este sábado os seus premios Semente e Cemento 2009, que distinguen a mellor e á peor actuación ambiental do ano. Desta volta, os galardoados son, na parte positiva, a asociación para o desenvolvemento rural sustentábel O Grelo Verde, e, na parte negativa, a alcaldesa de Cangas, Clara Millán.
A entrega dos premios terá lugar a xornada seguinte ao Día Mundial do Ambiente. Será no decurso dun xantar que terá lugar na Troita Armada, na compostelá rúa do Pombal. O Grelo Verde foi merecedor do premio Semente polo seu traballo de divulgación e construción de alternativas para avanzar na sustentabilidade e revivir o medio rural. Entre as iniciativas que máis salienta Verdegaia estivero a de apoiar comedores escolares ecolóxicos.
O premio Cemento correspondeulle a Clara Millán por ter chegado ao goberno municipal opoñéndose ao Proxecto Massó e non ser quen agora de paralizar as obras do porto deportivo do Salgueirón, cun grave impacto ambiental e social.