O conselleiro Alfonso Rueda anunciou un investimento de 850 mil euros para evitar a creba.
A memoria dos políticos á hora de falar da Fundación Semana Verde de Silleda fraquea. O último 'lapsus' cometeuno o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda. Nunha visita ás instalacións anunciou un investimento de 850 mil euros para garantir a viabilidade da institución. Rueda botoulle toda a culpa da situación actual ao bipartito. Aínda que durante o bipartito a Semana Verde continuou en coidados intensivos, a grave crise que sofre a Semana Verde remóntase, cando menos, a finais dos anos 90.
Nunha conferencia de prensa, na que tamén estivo acompañado polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o conselleiro agradeceu os esforzos do organismo provincial, que tamén anunciou un investimento de 250 mil euros.
Segundo Rueda, a crise na institución feiral era de tal entidade que era probábel que non se poidesen pagar as nóminas dos traballadores. O novo Goberno promete “austeridade” no gasto pero “compromiso” para devolverlle vitalidade á Semana Verde.
A xerente da entidade, Paloma Hidalgo, agradeceu o “pleno apoio” da Xunta e subliñou a importancia da inxección económica a partir da que se poden “levar adiante accións encamiñadas ao autosustento e autofinanciamento do recinto”.