Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Desde este xoves

Eleccións europeas e municipais no Reino Unido no medio do escándalo polos gastos dos deputados

Xunto cos neerlandeses, os ingleses son os primeiros en elixir os seus representantes en Europa.

Redacción - 11:30 04/06/2009
Os ingleses e os holandeses son os primeiros europeos en emitir o seu voto

Os ingleses e os holandeses son os primeiros europeos en emitir o seu voto

Os colexios electorais abriron este xoves no Reino Unido, onde os cidadáns están chamados ás urnas para elixir 72 deputados do Parlamento Europeo e 34 gobernos municipais de Inglaterra. As enquisas sobre a intención de voto vaticinan unha desfeita para o Partido Laborista do primeiro ministro Gordon Brown. Todo apunta a que serán precisamente os laboristas os máis castigados polos votantes, dunha banda polo escándalo do abuso no gasto parlamentario, pero tamén pola xestión da crise económica.

Os colexios abriron as súas portas ás 06:00 GTM e pecharán ás 21:00GTM, momento no que comezará o reconto de votos das municipais para dar a coñecer os resultados o venres. Mentres, o veredicto dos ingleses no referente aos comicios europeos non se dará a coñecer até o domingo. Nesta convocatoria, as sondaxes apuntan a que os laboristas non superen o 16% dos votos, por detrás dos conservadores, cun 30%. Mentres, o antieuropeo, UKIP acadaría un 19%.

En Alemaña, vantaxe da extrema dereita
Mentres, 13 millóns de holandeses escollerán tamén este xoves aos seus 25 eurodeputados. Cando pechen os colexios electorais (19:00 GMT) daranse a coñecer os primeiros resultados, que se farán públicos nesta mesma xornada electoral, ao contrario do que acontecerá no resto dos países da Unión Europea que non revelarán os seus escrutinios até a noite do domingo.

En canto aos prognósticos, prevese que o partido antimusulmán e de extrema dereita de Geert Wilders (PVV) reciba un forte apoio e podería obter catro escanos e situarse moi preto dos demócrata-cristiáns (CDA) e os laboristas (PvdA), ambos no actual goberno. As sondaxes falan de cinco escanos para cada un.

Máis información en:


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: