A candidata do BNG subliñou o rotundo "non á nuclear" na UE e a aposta por un crecemento sostíbel.
A cabeza de lista do Bloque nas eleccións europeas aproveitou a visita a Ourense para subliñar que o BNG loitará para que non se localicen novos aproveitamentos hidroeléctricos na conca do Miño-Sil. "Porque os nosos ríos xa están sobreexplotados", subliñou. Tamén se referiu Ana Miranda á defensa que os nacionalistas farán das enerxías alternativas e ao "non rotundo á enerxía nuclear".
Ao fío, a candidata do BNG destacou a aposta da súa formación polo impulso no marco da Unión Europea de medidas como o apoio ao transporte colectivo ou a redución do nivel de emisión de gases. Ademais, salientou a necesidade de defender "un un modelo de cidades sustentábeis ambientalmente". "Estaremos do lado dos que loitan polo medio ambiente e levaremos os intereses dunha Galiza máis sustentábel ao Parlamento Europeo", concluíu.
No mesmo acto, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, chamou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a que "deixe de laiarse e que se poña a traballar dunha vez". En alusión á petición de Vidal Quadras, candidato do PP a recuncar no Europarlamento, para que se suprima o termo "nacionalidade" da Constitución e Galiza, Euskadi e Cataluña deixen de ser recoñecidas como tales, apuntou Vázquez que Feijoo "anda con malas compañías, e o que anda con malas compañías acaba mal". Na opinión de Guillerme Vázquez, Feijoo apenas participa nesta campaña electoral "porque, a parte de mentir á sociedade galega dicíndolle que votar BNG é votar Esquerra Republicana de Catalunya, non ten absolutamente nada que dicirlle, nin unha soa proposta que facer, nin solucións para a situación do sector lácteo".
Por outro lado, Vázquez fixo brincadeira co prognóstico de que o líder do PPdeG pasará á historia "como Alberto I o lingüicida frustrado" polos seus "ataques ao galego" e asegurou que BNG non permitirá a agresión á lingua do país. Ao fío, mostrouse moi crítico coas primeiras actuacións en materia de política lingüística do Goberno, referíndose de xeito concreto á posibilidade de "segregación" dos alumnos nos colexios por razón de lingua e á supresión da obrigatoriedade de examinarse en galego nas oposicións.