A cabeza de lista do Bloque para as europeas critica as descualificacións cruzadas por PP e PSOE, e subliña que mentres "o BNG fala do que significa a Unión Europea para Galiza".
"O PP e o PSOE culpan a crise global dos problemas dos nosos sectores produtivos, mais ignoran deliberadamente que moitos veñen derivados da mala inserción de Galiza na Unión, da que tamén foron responsábeis os gobernos centrais que xestionaron ambas forzas políticas", afirmou Ana Miranda durante a súa intervención no mitin do BNG en Lugo. A candidata do BNG acusou os candidatos de PP e PSOE de non falar dos problemas da xente e enleárense nunha serie de descualificacións "sobre avións e coches oficiais", mentres que o BNG, defendeu, "si está a falar do que significa a Unión Europea para Galiza e para a súa economía". "O BNG está a facer unha campaña na que defende outro modelo de Europa e na que está a facer propostas concretas para os nosos produtores de leite ou para o sector da pesca", expuxo Miranda.
No mesmo acto, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou que o que quere o BNG "é que ao noso país se lle dea en Europa o mesmo trato que se lles dá aos demais". Nese sentido referiuse Vázquez aos milleiros de millóns de euros adicados a salvar sectores "como o da banca ou para salvar Opel ou General Motors". "É difícil de explicar que se actúe asi neses casos e non para salvar o sector lácteo e, por exemplo á factoría Pascual en Castro de Rei", reprochou, "aos gobernos nin se lles ve, nin se lles espera".
Ao fío, Vázquez solicitou que o goberno español renegocie a actual asignación de cotas leiteiras entre os distintos Estados membros da UE, "de xeito que o aumento da cota se dirixa unicamente a aqueles Estados que teñen unha cota moi inferior ao seu consumo interno" e nos que existen segmentos importantes de explotacións, como é o caso de Galiza, "que necesitan máis cota para ser viábeis". "Non se trata só de renegociar as cotas, senón que os gobernos estatal e galego teñen que dispor de mecanismos de intervención sobre os prezos e os mercados", esixiu. "Só así poderemos garantir a viabilidade do sector", asegurou.