Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
O XIGANTE DA INTERNET DESEÑA AS 'TRIKES'

As bicicletas de Google Street View tomarán a zona vella de Compostela

A empresa estadounidense vén de crear as trikes, bicicletas de tres rodas coas que sacar imaxes de rúas peonís ou estreitas. Compostela recibirá a visita dos triciclos de Google este verán.

Redacción - 14:00 02/06/2009

As cámaras especiais que toman as imaxes de Google Street View estaban até o de agora situadas en coches, como os que se puideron ver no verán pasado nas rúas de Vigo, A Coruña ou Compostela. Porén, este sistema tiña a o problema de que impedía tomar imaxes das zonas con tránsito limitado ou prohibido, ás veces as máis interesantes das cidades, como no caso da zona vella da capital galega. Para solucionar este problema, Isabel Salazar, responsábel de promoción de produtos de Google España, presentou as bicicletas coas que o Street View pretende tomar imaxes, a comezar neste verán, deste tipo de rúas.

As trikes, a medio camiño entre unha bicicleta e un triciclo, serán identificábeis polas enormes cámaras que levan na súa parte traseira, así como polo logotipo de Google. Con elas, a empresa tenta "cubrir a maior parte do territorio coa intención de achegar un servizo útil e completo aos usuarios", e ademais apúntase, de rebote, ao uso dun medio de transporte máis sustentábel. Segundo Isabel Salazar, entre os obxectivos inmediatos a fotografar por estas bicicletas, ademais da zona vella compostelá, están o centro de Salamanca e o barrio granadino de Albaicín.

Google Street View está presente en áreas de seis países, sendo os Estados Unidos onde hai un maior número de vías cubertas. No Estado Español, o servizo está dispoñíbel para percorrer virtualmente as rúas de Barcelona, Madrid, Oviedo, Sevilla, Zaragoza e Valencia, mais se teñen tomado imaxes doutras cidades, entre elas as galegas Compostela, A Coruña e Vigo, aínda que non está anunciado cando se dispoñibilizarán na rede.

O servizo de Google Street View, por outra parte, ten tido numerosas críticas, en especial polas súas posibilidades para invadir a privacidade dos transeúntes. Para adaptarse as leis de respecto á intimidade na Unión Europea, o xigante da Internet desenvolveu un software que difumina os rostros das imaxes, mais iso non impediu que, recentemente, Grecia prohibira a difusión das fotografías dese país até non estar garantido o respecto á privacidade.


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: