Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRAZO ABERTO ATÉ O 30 DE XUÑO

O galego, a lingua dos nosos devanceiros

Continúan a chegar traballos ao concurso de Vieiros, 'Unha imaxe para o galego'. Anímate e participa.

Redacción - 11:00 02/06/2009
Imaxe que nos achega Carromeira

Imaxe que nos achega Carromeira

"Conversa á tardiña". Este é o titulo que acompaña a unha das últimas achegas dos lectores de Vieiros ao concurso 'Unha imaxe para o galego'. A súa autora, Carromeira, preséntanos unha estampa que, malia carecer de son, desprende un murmurio de conversa en galego pois a evidencia apunta a que ningunha outra lingua podería encher os ocos do silencio nesa tardiña ourensán.

Ao tempo, a imaxe ofrécenos o paseniño transcorrer do tempo ao que apela o subtítulo: "E de súpeto, o tempo parou", reparando na tranquilidade da conversa e do alleo que para as súas protagonistas semella que debe ser o estresante movemento das chamadas fast citys. Do mesmo xeito, as figuras das mulleres, como metáfora do matriarcado galego, como imaxe común de cada unha das nosas avoas, apela ao legado común que nos transmiten, a lingua dos devanceiros, pola que debemos seguir loitando.

Prazo aberto

Esta é unha máis das imaxes que continúan a chegar para a cuarta edición de 'Unha imaxe para o galego'. O certame leva este ano o título de "O galego no espello", polo que agardamos suxestivas imaxes que propoñan como animar a usar a lingua, que afonden na construción do noso idioma ou que desvelen os múltiples significados que o galego acada en cada persoa.

As imaxes candidatas deben ser necesariamente fotografías, e non deseños e ilustracións. Ao tempo, tamén seguimos a ampliar un apartado adicado ao material audiovisual, con vídeos da mesma temática e cunha duración máxima de catro minutos. As bases do certame pódense consultar neste enderezo, onde está dispoñíbel o formulario de envío.

Os premios serán unha cámara para a mellor fotografía e unha videocámara para o mellor vídeo. O prazo de recepción pecharase o 30 de xuño, así que queda xa menos dun mes para apurar a creatividade vencellada co noso patrimonio común. O xurado valorará especialmente a orixinalidade e desaconsella os tópicos recorrentes como retratos de persoeiros, bandeiras, letras... Consulta as bases completas e anímate a participar!


Ligazóns

4/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: