"Escoitándoo estes días, Mayor Oreja equivocouse de eleccións", ironizou en Lugo o vicesecretario xeral do PSOE.
O vicesecretario do PSOE, Xosé Blanco, afirmou este domingo en Lugo que o cabeza de lista do PP ás eleccións ao Parlamento europeo, Jaime Mayor Oreja, equivocouse de eleccións e suxeriulle que se postule para presidir a Conferencia Episcopal. "Escoitándoo estes días, Mayor Oreja equivocouse de eleccións, porque a súa condición natural era ser candidato a presidente da Conferencia Episcopal, ese era o seu lugar", dixo Blanco. "Non pode haber tanta hipocrisía ao dicir e exculpar os bispos cando algúns dos seus achegados abusan sexualmente dos menores e iso non lle parece relevante", criticou.
Nunha comida-mitin, á que asistiron máis de 2.000 persoas, Blanco estivo acompañado polo secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, e de todos os alcaldes socialistas da provincia de Lugo. Na súa intervención, tamén lamentou o socialista que a Mayor Oreja lle pareza mal que as mulleres poidan decidir sobre a interrupción do embarazo e que sintonice, neste sentido, coas teses do cardeal Cañizares. "Parécelle mal iso e non obstante aplaude que a xente poida cometer abusos sexuais a menores de idade, esta é a hipocrisía da dereita, á que nos teñen acostumados,", acusou. De paso, situou tanto ao cabeza de lista como ao número dous do PP, Luis de Grandes, no 'top cinco' dos "máis vagos" da Cámara europea.
Acto en Santiago
Por outro lado, o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, participou nun acto do PSOE en Santiago, onde denunciou na súa intervención que o obxectivo do PP nos comicios de electorais do 7 de xuño é "retomar a Europa dos mercaderes" e criticou a política lingüística da Xunta de Galicia, afirmando que ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, "o que lle gustaría é falar señorito".
"O PP quere volver ao victimismo" e, para conseguilo, sinalou que "a súa estratexia é culpar o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, da crise". "Así quere chegar o PP a Europa", reprochou. Neste sentido, e en alusión ás reformas levadas a cabo polo Goberno de Feijoo no mes e medio de xestión na Xunta, Caamaño criticou a intención do líder popular de derrogar o decreto do galego. "Non o podemos consentir", advertiu. Ao igual que co idioma, Caamaño tamén manifestou a súa oposición á modificación da Lei de Costas e á supresión da consellería de Medio Ambiente, entre outras cuestións, e lamentou a "falta de responsabilidade" do partido que dirixe Mariano Rajoy. "Se pasamos un algodón polo espello do PP e o miramos podemos ver todo tipo de cousas", indicou, "corrupción, mentiras, España rompe, gripes e prepotencia". "Por iso os españois non nos vemos reflectidos nese espello, estamos fartos de mentiras e dese estilo chulesco que teñen algúns do PP", axuizou.