"Queremos unha Europa que fale de nós, sen intermediarios", defende a cabeza de lista do BNG.
Ana Miranda
"Como se pode xustificar que tivéramos 150 barcos que ían pescar bacallao e hoxe só queden oito?” preguntouse a candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda. "Como se pode entender que permitisen que os nosos barcos fosen expulsados das augas comunitarias?", engadiu. Nesa liña, defendeu para Galiza unha Europa "que fale de nós, sen intermediarios", e insistiu en que o BNG quere estar en Bruxelas "para falar das persoas concretas, dos lugares concretos, dos problemas do país".
No mesmo acto político en Ribeira, expuxo que o BNG "irá a Bruxelas en barco desde a ría do Barbanza, subindo o Atlántico, sen pasar por Madrid. Nese barco de xente, de traballo, dos que limparon as mareas negras". "Alí onde estea o BNG estará Ribeira, Boiro, os pobos de Galiza e os seus intereses", engadiu Ana Miranda, recordando que na pasada lexislatura o BNG levou a galegos a Bruxelas para defender o acordo de pesca con Marrocos "mentres os aerodeputados de PP de PSOE non fixeron nada polos intereses do país".
No mesmo acto participou tamén o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quen denunciou que PP e PSOE "avión militar para arriba, avión militar para abaixo, falan de todo menos dos problemas de Galiza en Europa". O líder do Bloque dixo estar preocupado ao comprobar como "elección tras elección, campaña electoral tras campaña, populares e socialistas dedícanse a unha carreira de a ver quen é hoxe máis corrupto, de maneira que, ao final algo terá que haber de corrupción en todo isto". "A política do Estado Español estáse poñendo, lamentabelmente, á altura da política italiana porque tamén Berlusconi ten afección a utilizar en beneficio propio e para o seu goce persoal a aviación militar", censurou.