Ofrecémoslles unha nova entrega do especial informativo con motivo das eleccións europeas.
Mineiros galeses. Life, 1951
En 1997 o pobo galés aprobou en referendo o restabelecemento da súa Asemblea Nacional, un parlamento que no entanto conta con menos competencias ca o escocés. Unha década despois, os nacionalistas do Plaid Cymru conseguiron acceder ao Goberno do país en coalición cos laboristas.
Nestes dous anos as políticas desenvolvidas dende o Executivo en defensa da identidade galesa foron importantes, aínda que tamén recibiron críticas por non cumprir algunhas das súas promesas.
Por exemplo, a cativeza nas subvencións impediu a saída do primeiro diario en papel integramente escrito en galés. Rhodri Glyn Thomas, ministro de Cultura, do Plaid Cymru, recibiu numerosas críticas de parte da militancia e de históricos cadros do partido por esta cuestión.
A postura da formación nacionalista ao respecto da enerxía nuclear tamén é obxecto de controversia. Se ben dende as primeiras eleccións á Asemblea Nacional, en 1997, o Plaid mostrouse nitidamente contrario a esta, a súa postura actual é máis ambigua.
Parques eólicos e hidroeléctricas
Gales foi e segue a ser o pozo enerxético de Inglaterra. Dende o S.XIX, os galeses traballaron nas numerosas minas de carbón existentes no país. Unha vez esquilmadas, a mediados da década de 1960, o goberno británico instalou unha central nuclear na illa de Ynys Môn (Anglesey, en inglés), ao norte.
Hoxe en día, ademais dos parques eólicos que ocupan boa parte das terras máis elevadas de Gales, existe unha gran cantidade de embalses e de centrais hidroeléctricas nos ríos galeses. De feito, os ingleses consumen a metade da electricidade que nelas se xera.