Ducias de colectivos responderon este domingo á chamada á mobilización da plataforma cidadá Galiza Non se Vende.
Imaxe da mobilización de Galiza Non se Vende en febreiro de 2009
(Actualización 18h):
Foron arredor de 2.500 persoas, segundo o cálculo da plataforma, as que saíron este domingo á rúa para protestar contra a incidencia da política económica no litoral e, de xeito concreto na cidade olívica, contra os recheos que a Autoridade Portuaria de Vigo pretende realizar na ría.
En declaracións a Europa Press, Duarte Ferrín, de 'Galiza non se Vende', afirmou que "o modelo económico actual está a mercantilizar o medio, privatizando as ganancias e socializando os custos". Para 'Galiza non se Vende', Porro, nas súas declaracións públicas, "menciona os usuario do porto, pero esquece os usuarios da ría".
Segundo Ferrín, tanto este Plan de Usos do Porto de Vigo, como a construción dun complexo para o lecer na antiga conserveira de Massó, no municipio pontevedrés de Cangas, entre outras medidas derivadas da política económica, son "estupideces" e "manobras especulativas" financiadas pola administración.
A plataforma tamén mostrou a súa repulsa ao proxecto da macrodepuradora previsto para Coruxo, en Vigo. Neste sentido propuxo substituír a macroplanta por unha rede de pequenas depuradoras conectadas entre si". "A macrodepuradora que propoñen vai ser igual de mala que a actual, pero máis grande en tamaño", opinou Ferrín.
A manifestación partiu da Praza do Rei e percorreu o centro de Vigo ata finalizar na Praza da Estrela, aos pés do edificio da Autoridade Portuaria, onde se leu un manifesto-protesta.
(Actualización 10h)
Contra a "depredación" do territorio
"Non é necesaria, nin imprescindíbel a destrución do noso fogar común para acadar medios de vida, nin debemos basear o benestar na explotación das persoas nin a terra que habitamos, porque se así fora estaríamos correndo o camiño do suicidio colectivo", expón o manifesto co que a plataforma Galiza Non se Vende convoca a mobilización deste domingo en Vigo. "Todas e todos xuntos temos que pórlle freo a esta locomotora desbocada, deste falso progreso, que esta a avanzar queimando os seus propios vagóns nunha tola carreira cara ningures", continúa o documento.
Desde as 12 horas, e saíndo da Praza do Concello, os manifestantes marcharán atrás de cartaces que, entre outros, acollerán o lema principal: "Este modelo ten alternativa: defendamos o litoral!". Deste xeito, nesta data, a defensa da costa do país centrará as reivindicacións, e denunciaranse "os contínuos maltratos e agresións que soporta o noso litoral, froito da especulación salvaxe e deste modelo depredador de crecemento económico, que equipara crecemento e benestar social". De forma especial, estará presente a máis recente loita a pé da ría de Vigo, na beira de Cangas, onde os veciños do foro Cangas non se Vende loitan contra a construción do porto deportivo no Salgueirón. Así e todo, non se esquecerán outras reivindicacións: "A privatización e venta da nosa costa, das nosas rías, do noso vento, dos nosos montes, dos nosos rios, do Courel, supón depredar o territorio físico común para mercantilizalo en beneficio de só duns poucos, privatizando beneficios e socializando as perdas", quéixanse os organizadores.
Anterior en Vieiros: