O socialista explica para Vieiros que a "paralización" e "incoherencias" na actuación da Xunta logo do 1M non é boa nova para aproveitar o impulso da UE.
Cales son as prioridades da súa formación para esta cita electoral? Como encaixa Galiza na idea de Europa do seu partido?
O PSOE é como Europa, e Galiza é Europa por historia, por cultura e por valores. Galiza é unha comunidade europeísta. Así o expresou con motivo do referendo pola Constitución Europea onde un 81% dos europeos apostaron claramente por unha Europa máis forte e máis integrada, con maior capacidade política. Agora Galiza debe asumir cada vez un papel máis activo nese ámbito da UE.
Os últimos anos foron positivos en materia de recursos, porque conseguimos participar nos fondos estruturais até o ano 2013, malia que xa non somos unha comunidade que estea formalmente por baixo do límite do 75% da renda comunitaria. Temos máis poder político, porque hoxe as comunidades poden participar no Consello para os temas da súa competencia. Ademais, hai 73 rexións en Europa dentro das 271 rexións da UE que son distintas porque teñen poder lexislativo e unha delas é Galiza, e por tanto debe asumir ese protagonismo que lle corresponde nos procesos lexislativos europeos e aproveitar as oportunidades que nesa liña abre o Tratado de Lisboa.
Galiza tamén debe ter un papel activo no seguimento e introdución das políticas da UE. Iso a nivel institucional. Logo, a sociedade civil galega é a gran protagonista do futuro de construción europea, tanto desde o punto de vista de empresas como da sociedade civil e interlocutores sociais: estudantes, sindicatos, asociacións... deben cada vez máis ter contactos, experiencias e relacións a nivel europeo, e isto contribuirá a enriquecer a nosa realidade.
Parece que desas cousas que vostede di non se escoita moito falar. Será que a pelexa a nivel estatal entre PSOE e PP distorsiona os debates?
O PP está tratando de facer destas europeas un referendo estatal. Nós queremos un debate europeo. E debater de Europa é tamén debater de Galiza. Debemos falar dos problemas de Galiza en Europa, pero sabendo tamén que na medida en que resolvemos os problemas europeos estamos resolvendo tamén os galegos e dándolle futuro ao noso país. Ao debater como se supera a crise económica, porque non é unha crise estatal, como di o PP, senón global, hai que ver un instrumento esencial que é Europa e debemos traballar xuntos en Europa para superalo. Queremos realizar políticas de estímulo, queremos unha saída social á crise, queremos cambiar o modelo das relacións financeiras coa economía real que existiu arestora. En España queremos cambiar o noso modelo económico a un máis baseado na economía do coñecemento e do medio ambiente: na economía do futuro. Esas son as grandes cuestións que temos que resolver nestas eleccións.
Nós estamos convencidos de que a actual crise é consecuencia dunha filosofía ultraliberal que foi a que propuxo en España o Partido Popular. Polo tanto non se pode saír da crise marcha atrás, porque iso suporía instalármonos nela. Somos os socialistas os que consideramos que o mercado non pode gobernar a sociedade, porque non se lle pode pedir o que non pode dar: xustiza social, equilibrio e estabilidade económica. Polo tanto, necesítase unha gobernanza económica á que o PP se opón permanentemente. É imprescindíbel para que Europa avance e estabelecer as bases dunha nova arquitectura global. Estamos asistindo a unha fase de globalización descontrolada que debemos poñer baixo control. E non existirá unha globalización con rostro humano sen unha Europa social e cunha gobernanza económica.
Vostede, que tivo responsabilidades na comisión de Economía da Eurocámara, que avaliación fai da perspectiva da UE fronte á crise? Lentitude, diagnósticos que chegaron tarde? Aínda agora, actúase correctamente?
A nivel internacional é evidente que non funcionou o sistema de prevención e alerta. Esa é unha das cuestións que hai que resolver, probablemente cunha reforma en profundidade do Fondo Monetario Internacional. Rodrigo Rato dimitiu das súas responsabilidades no FMI dous meses antes de que estoupara a crise nos EUA, e eu creo que debería saber algo.
Na UE existía unha crenza, por parte dalgúns membros da Comisión, de que o mercado funcionaba e non necesitaba de medidas correctoras. Os socialistas estivemos propoñendo acentuar os mecanismos de regulación e supervisión e as nosas propostas eran sistematicamente rexeitadas. Agora volven ser consideradas e recoñécese a opacidade e a gravidade do escenario. Os conservadores deseguida han trasacordar e consideralo un problema ocasional. Nós pensamos que o problema é profundo e que por iso se deben tomar medidas a fondo e que as institucións europeas deben regular a economía financeira, sometela a supervisión e evitar que esta crise tan dura non se repita no futuro.
A estatística é clara sobre o desapego dos cidadáns respecto da cita coas eleccións europeas... De quen é a culpa?
A opinión pública mobilízase mellor polo máis visíbel e no local. Pero Europa non só está na intelixencia e o corazón das persoas, a política europea é importante en si, por exemplo: está no peto coas moedas ou no teléfono inserido nun sistema de telecomunicacións europeo, ou nas chaves do coche, con sistemas de seguridade comúns a todos os países.
Nestas eleccións xogamos algo que afecta ao noso modo de vida, intereses e valores. Son as eleccións máis importantes desde que existe un Parlamento Europeo, porque vimos dunha crise profunda que hai que afrontar seriamente, de xeito solidario e sen cargar sobre os sectores vulnerábeis da poboación, reforzándoos cara ao futuro, para gañar confianza, repartir equitativamente as cargas da crise e apostar por unha economía de futuro.
Estamos advertidos de que podemos chegar a unha situación non reversíbel en materia ambiental. Necesitamos unha economía sostíbel, baseada nunhas enerxías renovábeis. É unha gran oportunidade para facer un cambio de modelo económico.
Por outro lado, non esquezamos que hai que decidir que relación queremos de Europa co mundo. A UE pode repregar sobre si mesma ou ser actor positivo a nivel global, que contribúa a grandes desafíos: comabe da pobreza, a prol do desenvolvemento e pola paz e os dereitos humanos.
O naval, o leite, o viño... Semella que hai un feixe de temas onde parecería doado unha voz conxunta dos eurodeputados galegos, independentemente da cor política... Impide iso a rixidez dos grupos parlamentarios e as liortas políticas a nivel estatal? Imos ver avances nestes desafíos concretos?
Creo que si. Atravesamos dificultades. Por exemplo no caso da caída de prezos do leite, tamén vemos consecuencias da crise económica. O que acontece en Galiza, Francia ou Alemaña ten que ver tamén coa caída do consumo. É necesaria unha política de reactivación económica, e nós queremos impulsala na UE, pero tamén reformas estruturais. E no proceso de levantar as restricións á produción, supresión de cotas, debe actuarse con prudencia e medidas de acompañamento. Queremos un fondo leiteiro que dea apoio ás explotacións máis vulnerábeis. Pero as medidas estruturais máis inmediatas debe adoptalas a Xunta, que manexa un 20% do PIB do noso país. A UE debe enfocar o tema, pero a responsabilidade é autonómica, competente en agrogandeiría.
O sector naval, nomeadamente en Ferrolterra, láiase da falta de atención coas súas demandas e o bloqueo imposto pola UE. Podemos ser optimistas ao respecto?
Neste momento Navantia ten un paquete de actividade até o ano 2015. Pero a decisión da Comisión de prohibir a construción de buques civís en Astano foi consecuencia dun funcionamento contrario ás normas europeas, castigo que buscaba un reequilibrio coas empresas prexudicadas. Sempre é posíbel marxe de negociación e o presidente do goberno español así se comprometeu, anunciando unha iniciativa para a presidencia española da UE. Será bo momento para atopar solución.
Semella que a Fundación Galiza-Europa foi ferramenta desaproveitada tamén durante a etapa do bipartito. O PSdeG levou no programa do 1M promesas que parecen admitir esa falta de ambición. Vendo o que fan noutros lugares, que visión ten vostede desde Bruxelas de como podería reconverterse ese organismo en favor dos intereses galegos en Europa?
Hai experiencias moi diferentes, pero a miña valoración do traballo realizado pola representación de Galiza en Bruxelas é razoábelmente positiva. Inicialmente estaba previsto nomear unha delegación, proceso que non chegou a completarse e foi a Fundación a que asumiu o protagonismo. A institución contou estes anos con maior número de persoas traballando en diferentes sectores, facendo seguimento de políticas da UE, remitindo periodicamente informes e abrindo liñas de cooperación orientadas sobre todo ás empresas, para facilitarlle acceso e interlocución comercial con outros operadores europeos.
Mirando datos sobre internacionalización de empresas, sobre escaseza de proxectos e relacións sociais e culturais... poderíamos dicir que Galiza mira pouco a Europa?
Desde que entramos na UE, Galiza cambiou moito. A nosa riqueza era do 59% da media da UE e hoxe camiñamos por riba do 90%. Temos sectores nos que Galiza é líder, como o da pesca, industrias en materia alimentaria de primeira liña, en materia de confección a nivel mundial, actividades económicas en todos os ámbitos. Son por iso razoábelmente optimista, porque Galiza creceu durante anos e ao tempo abríndose ao exterior, gañando perfil europeo e global. Camiñamos cara á converxencia e a partir de aí debemos tratar de ser referencia e vangarda en moitos sectores. Podemos facelo: hai grandes galegos que estiveron na vangarda da construción europea, como Salvador de Madariaga. Probablemente, e pensando no Camiño de Santiago, Galiza é de todas as comunidades autónomas, a máis vinculada á historia e o destino de Europa.
Cada vez hai máis persoas, a través de distintos ámbitos académicos, en Bruxelas e no contorno da UE e iso é positivo. Pero é evidente que un país como Galiza, cun gran potencial e apertura económica debe aspirar a ter un papel máis intenso. Pero creo que o seguiremos completando.
Logo da perda de poder o 1M en Galiza, e lembrando os reproches por desbalde de fondos europeos que lle fixeron ao PP. Que pensa vostede que debera guiar a estratexia do Goberno neste último treito de eurobilla do que gozaremos?
Estes catro anos de goberno bipartito, co PSOE e o BNG, foron moi positivos desde o punto de vista económico, porque Galiza creceu máis que a media estatal e europea. Debemos ser agora moi esixentes, porque hai moitas actuacións programadas e sería moi malo que este goberno as interrompera, porque debemos completar un ciclo investidor até 2013 que no seu volume será superior en termos absolutos ao que foi o Plan Marshall logo da 2ªGM. Eu desexaría que Galiza aproveitase o tempo e que se fixese nestes anos un bo traballo. Pero estou preocupado polos primeiros anuncios do presidente da Xunta, porque son fundamentalmente de paralización de actuacións e grandes incoherencias. Neste momento de crise debéramos acelerar o paso e non reducilo.