Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acusacións á anterior consellaría

Hernández di que hai un desaxuste de corenta millóns no Instituto de Vivenda e Solo

O conselleiro de Territorio fala de "burato negro" e asegura que o bipartito creou "unha especie de administración parella".

Redacción - 14:30 30/05/2009

"A Xunta buscará as fórmulas necesarias para rescatar a política de vivenda da Xunta de Galicia do burato negro deixado polo bipartito", arrebolaba este sábado o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, contra o equipo que entre 2005 e 2009 xestionou a consellaría de Vivenda. Segundo Hernández a actual situación financeira do Instituto Galego de Vivenda e Solo é "insostíbel" despois de que, asegura o conselleiro, nos últimos catro anos "o Goberno bipartito duplicou funcións e persoal en materia de vivenda coa creación dunha consellería específica, a pesares de que as competencias eran exactamente as mesmas que xa tiña o IGVS".

Explican os populares que a estratexia da consellaría daquela liderada por Teresa Táboas creou "unha especie de administración parella á que xa existía, cun incremento de persoal esaxerado sobre todo a través das xestures provinciais" (sociedades de capital público dependentes da Xunta encargadas fundamentalmente da xestión de solo residencial e empresarial), que, subliña a actual consellaría, "chegaron a contratar a dedo a máis de cen persoas, cun custe anual de 4,1 millóns de euros incluíndo o mantemento de oficinas". Di Hernández que na propia consellaría duplicáronse 18 prazas que xa existían no IGVS, cun custe a maiores de 717.163,66 euros. "Polo tanto, a creación da consellaría supuxo aos cidadáns un gasto adicional de case 20 millóns de euros nos catro anos de lexislatura, e un incremento de persoal de 119 traballadores", afirma.

Engade o conselleiro que, diante deste escenario, o novo equipo de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que incorpora as funcións da antiga consellaría de Vivenda, "non ten outro camiño que reformular o presuposto do Instituto Galego da Vivenda e Solo para axustalo á realidade financeira do organismo, e rematar así coa ficción contábel na que estaba sumido o anterior executivo". Atendendo ás contas de Hernández, na execución dos orzamentos do IGVS do 2009 "existe un desaxuste de mais de 40 millóns de euros entre os compromisos adquiridos pola anterior administración e os recursos financeiros reais do Instituto da Vivenda".


2/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: