A medida pretende acabar cos ataques informáticos contra as redes estadounidenses. Tamén prevé crear un comando militar específico.
O presidente dos EUA, Barack Obama, anunciou que tomará medidas para protexer as redes de computadores do seu país contra os ataques cibernéticos. Afirmou que a infraestrutura dixital dos EUA tratarase, a partir de agora, como un activo nacional estratéxico. Por iso, Obama proxecta crear unha oficina de ciberseguridade na Casa Branca e nomear un "ciber tsar".
Tanto o goberno como os exércitos dos Estados Unidos de América recibiron repetidos ataques de piratas informáticos nos últimos anos. Para Obama, protexer esa infraestrutura da que o país depende cada día é "unha prioridade da seguridade nacional". "Asegurarémonos de que estas redes son seguras, confiábeis e resistentes. Deteremos, previremos, detectaremos e defenderémonos contra os ataques e recuperarémolas rapidamente de calquera interrupción ou dano", engadiu.
Segundo as declaracións de Obama publicadas polo New York Times, o terrorismo actual pode consistir nuns golpes de teclado de computador, que describiu como "armas de interrupción masiva". Tamén asegurou que a nova oficina de ciberseguridade tamén contribuirá á protección da cidadanía: "Millóns foron feitos vítimas, a súa intimidade violada, as súas identidades roubadas... e as súas billeteiras baleiradas".
Para Barack Obama, "a prosperidade económica dos EUA no século XXI dependerá da ciberseguridade". Noutra información, o New York Times informa de que o Pentágono pretende crear un novo comando militar para o ciberespazo. Diversos expertos advertiron dos ataques instigados polo goberno chinés contra computadores oficiais estadounidenses, algo que as autoridades da China negan.nies.