Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
revisión de data final

Pachi Vázquez sae na defensa de Touriño e Blanco ante a polémica dos prazos do TAV

O ministro de Fomento dixo que era sabido que a liña non chegaría a Galiza en 2012, e que o ex presidente respondeu que descoñecía unha revisión dos prazos.

Redacción - 15:00 28/05/2009
Obras do TAV en Pazos de Bordén (Deza) / Flickr: FreeCat

Obras do TAV en Pazos de Bordén (Deza) / Flickr: FreeCat

A polémica xurdiu a partir de dúas declaracións ben distintas, unhas feitas polo ministro de Fomento, o ulloán Xosé Blanco; e outras feitas polo ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

O primeiro sinalaba, esta terza feira no Congreso español, que dende hai tempo, mesmo cando o seu cargo era ocupado por Magdalena Álvarez, no seu partido sabían que as datas da chegada do TAV a Galiza non eran as certas. De feito, Blanco considerou "unha fuxida cara adiante" manter unha data para a conclusión da obra -até o de agora sinalábase o ano 2012-, por entender que non se pode cumprir. O ministro de Fomento sinalou que "unha obra que transcende a unha ou dúas xeracións, é unha irresponsabilidade que estea condicionada a unha data e un prazo". Por isto, censurou que se tivese sinalado o ano 2012 para a entrada en funcionamento deste servizo, ante a necesidade de "facer as cousas en boas condicións".
 
Polo seu lado, o ex presidente da Xunta, Touriño, respondeulle a Blanco que a el ninguén o advertiu, dende o goberno español, dunha revisión de prazos, polo que sempre manexou a data de 2012 para o término das obras.

Ámbalas dúas declaracións xeraron unha intensa polémica na política galega, que o actual presidente do Goberno e do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, aproveitou para airear na campaña das eleccións europeas, sinalando esta cuarta feira nun mitin en Ferrol que "non hai que aceptar a falsidade ferroviaria" do goberno español.

Vázquez: "Naquel momento defendíase o que era mellor, agora hai un novo escenario"
Mais o que se agardaba eran as declaracións do actual secretario xeral del PSdeG, Manuel Vázquez, que, porén, chegaron esta quinta feira, e encargáronse de defender a xestión de Blanco e Touriño, cada unha dun xeito.

Manuel Vázquez asegurou que o ex xefe do Executivo, Emilio Pérez Touriño, "defendeu o seu modelo como presidente", e que o ministro de Fomento, Xosé Blanco, defende o seu como responsábel desta carteira, mais que "os dous procuran o mellor para Galiza, cada un no seu momento".

Neste sentido, argumentou que Touriño "deu a batalla" para que a conexión ferroviaria de alta velocidade "estivese lista en 2012": "Naquel momento defendíase o que era mellor, agora hai un novo escenario", subliñou Vázquez, afirmando que el prefire que o TAV "tarde un pouco máis", pero ofrecendo garantías de futuro. "Ás veces na vida hai que escoller entre terminar pronto e facer as cousas dun xeito, ou dar unha demora, que eu creo que vai ser moi pequena, para gozar dun tren coas últimas prestacións a nivel mundial", afirmou o socialista. Porén, en calquera caso, Vázquez non quixo dar unha data.

Gabanzas ás mudanzas introducidas por Blanco na liña
Nesta liña, o secretario xeral do PSdeG valorou a decisión do ministro de Fomento sobre as mudanzas introducidas na liña que conecta Galiza coa Meseta porque, deste xeito, pasarase a un "TAV de última xeración". Perderase "un pouco de tempo", mais "fica garantido" que Galiza estará nos "vindeiros 50 anos" na "punta de lanza" do sistema ferroviario.
Para terminar, Vázquez insistiu en que Touriño "defendeu a tope, como tiña que ser" a chegada do TAV en 2012, pero a "chegada de Blanco" a Fomento "dá un salto cualitativo".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: