Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Ensino e TIC

A "Escola 2.0" de momento só atende ás "necesidades técnicas"

O Ministerio de Educación e responsábeis educativos autonómicos xuntáronse esta semana para falar da introdución das novas tecnoloxías nas aulas.

Redacción - 13:30 31/05/2009

Pouca luz de momento ao respecto do ambicioso proxecto Escuela 2.0 que prometeu impulsar o Ministerio de Educación. Responsábeis do Ministerio e de gobernos autonómicos tiveron xuntanza este mércores para debater ao respecto das "necesidades técnicas" do programa. Coa promesa de fornecemento de computadores para todo o alumnado de fondo, a tecnoloxía en si mesma segue centrando o discurso das administracións.

Do transcendido até o de agora, a análise da viabilidade técnica do proxecto mantense como prioridade á hora de falar de modernización do sistema educativo estatal. Na reunión deste mércores, na que se asegurou a "perfecta compatibilidade dos proxectos tecnolóxicos autonómicos" co programa marco que propón o goberno español, as tecnoloxías en si seguiron sendo a preocupación fundamental. As prioridades saídas da xuntanza teñen que ver coa "dotación suficiente e completa das aulas", o que para os responsábeis das administracións é básico para que o programa "funcione, acade todos os alumnos e profesores e contribúa a reducir a fenda dixital dos centros educativos".

Doutra banda, na mesa púxose de manifesto tamén a necesidade dun plan de formación do profesorado, á vez presencial e en liña. As administracións tamén apuntan a necesidade de iniciar o diálogo con editoriais de libros de texto para garantir a dispoñibilidade de recursos e contidos dixitais "suficientes para o éxito do programa". Con todo, o esforzo económico até o de agora segue enfocado na compra de equipos e pendentes están por exemplo promesas realizadas xa para o curso que agora remata ao respecto da creación de puntos de encontro e intercambio de experiencias e contidos para profesorado e alumnado, ou de espazos educativos en liña abertos á cidadanía para consulta ou completar estudos.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: