O PSdeG pasea pola Rede Natura 2000. O PPdeG dá un mitin en Ferrol, con Feijoo é cabeza. O BNG piden en Monforte "axudas directas" para o sector leiteiro.
A candidata do BNG, Ana Miranda, e o seu voceiro nacional, Guillerme Vázquez, nunha xuntanza con estudantes
"O sector leiteiro galego precisa axudas directas, xa que atravesa unha situación de emerxencia, e socialmente moi preocupante", sinalou o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez nun mitin da campaña para as eleccións europeas en Ourense. Vázquez, que segue en campaña á candidata da súa formación ao Europarlamento, Ana Miranda, recalcou que a Xunta "non pode continuar en actitude pasiva", senón que debe "actuar xa", porque se está a xogar "o futuro do campo galego".
Nesta liña, Vázquez apelou ao Goberno a que faga "dúas cousas" antes que nada: primeiro, "intervir para que os gandeiros reciban un prezo xusto polo leite"; e segundo, "garantir que as empresas e as industrias recollan o leite aos produtores". Nesta liña, lamentou que o Goberno "non teña vontade política" para facerlle presión até á Comisión Europea, e acusou os populares de "derrotistas".
Polo seu lado, Ana Miranda quixo amosar o compromiso do BNG para defender en Bruxelas "o modelo de viticultura galega, baseado na calidade e amparado polas denominacións de orixe, como o que se practica na Ribeira Sacra", lembrando que os vindeiros anos van ser decisivos en Europa no que ten a ver coa "negociación da reforma da OCM (Organización Común do Mercado) do viño".
Manuel Vázquez e Sánchez Presedo pasean pola Rede Natura 2000
O Secretario Xeral do PSdeG, Manuel pachi Vázquez, e o candidato ao Parlamento Europeo, Antolín Sánchez Presedo, visitaron esta cuarta feira o concello da Guarda, no marco da campaña electoral Europeas 2009.
Estando no contorno das zonas húmidas que fan parte da Rede Natura 2000, a carón do Miño, Vázquez congratulouse de ter defendido a declaración de reserva da biosfera do parque Xurés-Gerês, que se fixo oficial esta semana. Nesta liña, apelou a que o parque sexa un "elemento de cohesión e vertebración" entre Galiza e Portugal. A seguir tamén volveu ás críticas á actual Xunta, manifestando a súa "gran decepción e sorpresa pola supresión da Consellaría de Medio Ambiente", que na práctica significa "o aniquilamento das políticas medio ambientais".
Polo seu lado, o candidato socialista ao Parlamento Europeo, Antolín Sánchez Presedo, sinalou que "a protección dos recursos naturais é chave para esta sociedade, xa que forma parte do desenvolvemento sustentábel, unha das grandes apostas do PSOE no novo modelo económico". Presedo tamén apelou á preservación do medio "como un eixo transversal das políticas dos socialistas europeos".
Feijoo critica a "tripla falsidade dos socialistas" e pide a liberalización da construción civil naval en Navantia
O presidente del PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tamén se sumou ao periplo político que anda a pedir o voto para as vindeiras eleccións do 7 de xuño, dando un mitin no Teatro Jofre de Ferrol. Alí, nun discurso case por completo en castelán, Feijoo pediu o apoio dos cidadáns para "castigar aos gobernos que menten" e para terminar coa "tripla falsidade" do PSOE: a "económica, a naval e a ferroviaria", así como para lograr que se erga o veto á construción naval civil imposto pola UE a Navantia, en Fene. A seguir, fixo un repaso polo sector primario, sinalando que de Europa dependen "o prezo do leite, a viabilidade das explotacións gandeiras ou o sector pesqueiro", facendo fincapé nos sectores produtivos ferroláns. Tamén fixo referencias ao TAV, criticou a xestión de Magdalena Álvarez, e as políticas de emprego do bipartito e do goberno español.
Alén disto, censurou a candidatura conxunta do "BNG e ERC", sinalando que nela se pide o voto "para un partido que non sabe onde está Galiza" e para uns representantes "que responderían en catalán e dirían que Ferrol é unha fermosa cidade portuguesa".
Na única parte do seu discurso que pronunciou en galego, Feijoo tamén se referiu á "liberdade de idioma" que defende o PP. O presidente da Xunta foi o encargado de pechar o acto no que tamén interviñeron o presidente do PP da Coruña, Carlos Negreira, e o delegado territorial na Coruña Diego Calvo.