Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Cara ao 7X

Sobre as vantaxes fiscais, o leite e máis a pesca

O PSdeG visita unha explotación en Lalín, en plena crise leiteira. O PPdeG trae a Rita Barberá. O BNG apela á non redución do sector pesqueiro.

Redacción - 09:30 27/05/2009
Manuel Vázquez, visitando unha explotación en Lalín

Manuel Vázquez, visitando unha explotación en Lalín

"Galiza debe ser declarada zona altamente dependente da pesca", dixo en Corcubión o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, exixindo, ao tempo, que se melloren os acordos internacionais, así como os fondos para a flota de baixura e as condicións de traballo dos mariñeiros. "Reducir o sector pesqueiro á nada, supón condenar á xente á emigración", recalcou.

Vázquez acompañaba a Ana Miranda, a candidata da formación ao Parlamento Europeo, nun seu mitin en Corcubión, no que ámbolos dous pediron un "trato xusto" para o sector pesqueiro do país.

Polo seu lado, Miranda adiantou que lle vai exixir á Eurocámara que "controle o tráfico de mercadorías perigosas" fronte as nosas costas, e que faga efectiva a "responsabilidade por contaminación mariña". "O noso mar e a nosa xente non poden estar expostos a este perigo", recalcou Miranda, subliñando que o BNG "vai ter representación no Parlamento Europeo" para demandar melloras para o noso país. "Só fai falla decidir cantos imos estar", concluíu.

O PSdeG aposta por levar as demandas do sector leiteiro galego a Europa
O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, acompañou o candidato socialista á Eurocámara, Antolín Sánchez Presedo, nunha visita a unha instalación gandeira de Lalín (O Deza), onde aproveitaron para falar das eivas e necesidades do sector leiteiro do país, xusto no momento no que máis se está a visibilizar a crise estrutural que padece.

Mentres Vázquez exixía unha implicación meirande da Xunta neste sector, pedíndolle a Feijoo que "meta os pés na lama, e comparta coa xente a realidade", Sánchez Presedo afirmaba que a agricultura e a gandería será puntos fundamentais dos socialistas dentro da Unión Europea."Nós pensamos que neste momento existen dificultades para o sector lácteo, son dificultades do propio sector pero en gran medida derivadas da crise pola que estamos atravesando e, polo tanto, a saída da crise forma parte da recuperación do sector", opinou o candidato socialista, ao tempo que detallaba as medidas que a súa formación pretende levar ao Europarlamento. "Procuraremos que non existan restricións á produción, e que a política europea en materia agraria teña en conta as producións máis vulnerábeis, que exista un fondo leiteiro para a súa axuda e que se teña en conta a seguridade alimentaria, a calidade dos alimentos, e a competencia leal". Sánchez Presedo concluíu lembrando que Galiza é un país "cun gran potencial de produción leiteira", un "sector chave dende o punto de vista económico, social e ambiental" que "hai que preservar", concluíu.

Rita Barberá contra Zapatero, e Carmen Fraga coas exencións fiscais, mais tamén coa pesca e o leite
En canto á campaña para as eleccións europeas do PPdeG, onte tivo de convidada á alcaldesa de Valencia, Rita Barberá, quen paseou polas rúas de Ourense, e, xa de mitin, congratulouse do cambio de goberno en Galiza, e criticou fondamente as políticas do presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero.

Polo seu lado, a candidata do PPdeG ao Parlamento Europeo, Carmen Fraga, avogou por recuperar o pacto de estabilidade entre os gobernos da UE como "un dos pasos fundamentais para saír da crise", falando tamén da necesidade de "recuperar o principio de austeridade" nas contas dos estados. Neste sentido, Fraga baseou parte das súas intervencións en diversos medios, esta terza feira, en falar do apartado financeiro de Europa, facendo fincapé na "necesidade de revisar a directiva do IVE", de tal xeito que se revisen os prazos, para que non haxa que pagar no caso de non ter cobrado. Nesta liña, a candidata popular ao Europarlamento tamén fixo un chamamento para que, "en tempos de crise", industrias tan "sensíbeis como a do automóbil" poidan ter "vantaxes fiscais que os axuden a levar mellor estes momentos".

Noutras intervencións do día, Carmen Fraga tamén cuestionou o fin das cotas para o sector lácteo, e auguroulle un ano 2010 moi complicado. Alén disto, tamén se referiu á política europea de pesca coma "un fracaso", e propuxo controlar os días de faena no canto das cotas.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: