Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise dos ecosistemas afectados

Científicos valencianos proban o impacto do Prestige no aumento de parasitos nos peixes

Non lle afectan á calidade e só causan dano ao ser humano a través de peixe cru, pero son bo indicador da contaminación mariña.

Redacción / Europa Press - 18:45 25/05/2009

Un equipo de científicos da Universidade de Valencia demostrou, despois de analizar dende o ano 2000 os ecosistemas afectados pola vertedura de fuel do Prestige, que os parasitos de diversas especies de peixes con valor comercial son indicadores de contaminación mariña moi válidos, segundo informou a institución académica nun comunicado.

Os expertos estudaron caladoiros das Rías Altas e das Baixas antes do accidente do petroleiro en novembro de 2002 e continuaron os seus traballos posteriormente coa finalidade de comprobar o ritmo e as peculiaridades da recuperación dos ecosistemas.

A investigadora principal do proxecto, Mercedes Fernández, explicou que se analizaron, dende o ano 2000 e a través de mostras mensuais, dous tipos de parasitos -- os ectoparásitos e os endoparásitos-- de peixes con valor comercial como o lirio e a boga. A raíz do episodio de polución das augas provocado polo 'Prestige', detectaron "un incremento dos ectoparásitos, é dicir, dos parasitos externos que afectan á fauna mariña, pero este era un resultado esperado", segundo Fernández, membro do Grupo de Zooloxía Mariña.

O achado deste estudio a longo prazo foi descubrir que a contaminación tamén producía "un aumento dos parasitos internos, os denominados endoparásitos, a pesar de que outras investigacións concluíran que estes diminuían". "Esta proliferación indica que a contaminación puido debilitar os hospedadores ou favorecer a aparición de organismos oportunistas que tamén hospedaban fases larvarias de endoparásitos, como é o caso dos vermes poliquetos, que se consideran hospedadores intermediarios", argumentou a científica da UV. "Os parasitos son bos indicadores porque debido a que posúen ciclos vitais complexos, nos poden dar unha idea global do que acontece no ecosistema", agregou Ana Pérez del Olmo, pertencente ao grupo de investigación do proxecto.

Non afectan a calidade

   Os endoparásitos estudados non afectan a calidade dos peixes comerciais, como acontece en ocasións con algúns protozoos, de medidas microscópicas, pero poden desagradarlle aos consumidores porque algúns, como os coñecidos 'Anisakis' que afectan ao lirio, poden crecer ata os dous centímetros e, en consecuencia, "verse con facilidade nas vísceras dos exemplares".

Ademais, sábese que estes parasitos poden causarlle dano ao ser humano cando pasan accidentalmente a través do peixe cru ou pouco cociñado. Os endoparásitos da boga son máis pequenos e só se observan con lupa, como tamén outros que infectan o lirio.

O Grupo de Zooloxía Mariña do Instituto Cavanilles de Biodiversidade e Bioloxía Evolutiva desenvolve agora a análise, a medio prazo, da acumulación de metais pesados no organismo de diversas especies de parasitos e de peixes da costa atlántica prexudicada pola vertedura do 'Prestige', en colaboración cun grupo da Universidade Duisburg-Essen de Alemaña, onde se atopa actualmente a doutora Ana Pérez. No ámbito mediterráneo, os expertos da Universidade de Valencia estudan a utilidade dos parasitos como indicadores de trazabilidade a través dun seguimento do salmonete de rocha. Os científicos queren demostrar que os parasitos poden informar das zonas de orixe das capturas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: