Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cumprindo as súas ameazas

Corea do Norte fai o seu segundo ensaio nuclear “con éxito”

A proba foi subterránea, e máis potente que a realizada en 2006, segundo a axencia de noticias oficial do país, KCNA. O goberno do Sur convocou unha xuntanza de urxencia.

Redacción - 07:30 25/05/2009
Localización de Corea do Norte

Localización de Corea do Norte

O goberno de Corea do Norte anunciou na madrugada desta segunda feira (hora galega) que desenvolveu un novo ensaio nuclear subterráneo, o segundo despois da proba realizada en outono de 2006 que provocara graves sancións internacionais.

Segundo a axencia oficial de noticias KCNA, este segundo ensaio foi máis potente que o anterior, e forma parte da intención norcoreana de "fortalecer un plan nuclear de defensa". Ao parecer, segundo esta axencia, os resultados deste ensaio, que foi realizado "con éxito", resolverán "problemas científicos e tecnolóxicos, co fin de aumentar o poder das armas nucleares, e desenvolver constantemente tecnoloxía nuclear". Alén disto, esta declaración do goberno de Pyongyang recolle que a nova proba "vai contribuír a defender a soberanía do país, a nación e o socialismo".

Polo seu lado, a axencia de noticias surcoreana Yonhap asegurou, antes que a noticia saíse na axencia do país veciño, que o instituto xeolóxico de Seúl detectara actividade sísmica propia dunha explosión nuclear, algo que tamén aseveraron nos EUA, dende a axencia xeolóxica, sinalando que a explosión se producira a 10 quilómetros de profundidade.

Tensión en Seúl
O presidente de Corea do Sur, Lee Myung-bak, convocou unha xuntanza da emerxencia, segundo a axencia Yonhap.

Dende a BBC tamén contan que esta información sacudiu os mercados financeiros asiáticos, facéndolle caer ao índice de bolsa en Seúl un 4%, ante o temor de que se poidan avivar as tensións na zona.

Cumprindo as ameazas
O mes pasado, a delegación de Corea do Norte abandonou as conversas sobre o seu programa nuclear, como protesta á condena internacional ás súas probas. O Consello de Seguridade da ONU viña de condenar o lanzamento, o pasado 5 de abril, dun foguete que, segundo Pyongyang, estaba destinado a pór en órbita un satélite de comunicacións, mais que, segundo os EUA, Xapón e Corea do Sur, foi a proba encuberta dun mísil balístico de longo alcance, capaz de chegar a Alaska.

Naquela altura, un voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores do goberno norcoreano sinalaba que se a ONU non se retractaba na súa condena, Corea do Norte había tomar "medidas en defensa propia, incluíndo a proba de mísiles nucleares de alcance intercontinental".

As primeiras reaccións após o ensaio
O voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores do Xapón, Kazao Kodama, sinalou que o seu país vai procurar o xeito de que Corea do Norte responda ante a ONU de xeito responsábel polo seu ensaio. Dende os EUA, un voceiro do Departamento de Estado dixo que no país aínda non podían confirmar a proba; e dende a UE, a comisaria de Relacións Exteriores, Benita Ferrero-Wamo "moi preoldner, cualificou o feito cocupante", segundo informa a axencia AFP.

A noticia noutros medios:


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: