Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
por "falsidade, estafa e fraude"

O PSdeG denuncia no xulgado a Hernández pola certificación irregular dunha obra

A vindeira semana os socialistas presentarán documentación contra o conselleiro por un feito acontecido cando era director de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra.

Redacción - 15:00 22/05/2009
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández

O PSdeG ha presentar a vindeira semana unha querela contra o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, por supostamente ter certificado a obra da variante de Salvaterra de Miño (O Condado), sen que esta se executase. Os feitos aconteceron cando Hernández era director de infraestruturas da Deputación de Pontevedra.

Os socialistas galegos estiman que esta certificación de obras non realizadas, co fin de manter unha subvención europea, é unha irregularidade que no debe ficar "impune". Así anunciou o coordinador provincial do PSdeG en Pontevedra, Modesto Pose. "Parécenos indignante a actitude do Partido Popular de dar este asunto un ar de normalidade, cando de normal non ten nada", protestou Pose, após explicar que a querela hase formalizar nos vindeiros días nos xulgados de Pontevedra.

Unha querela fundamentada nos delitos de falsidade en documento oficial, estafa e fraude á administración
"Non nos quedou outra opción que presentar esta querela fundamentada nos delitos de falsidade en documento oficial, estafa e fraude á administración porque se certifica, porque se certifica dun xeito falso, e libéranse fondos dunha administración pública", afirmou o responsábel do PSdeG en Pontevedra. Nesta liña, insistiu en que non é unha "animadversión persoal cara o conselleiro", o que move os socialistas a presentar esta denuncia, mais lembrando que Hernández non é "un concelleiro calquera dunha vila de tres mil habitantes, senón o conselleiro estrela do novo Goberno, e a súa obriga é ter unha conduta exemplar", aseverou Pose.

Polo seu lado, o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, dixo, ao coñecer as intencións dos socialistas galegos, que sobre este caso "xa se deu cumprida resposta no Parlamento", lembrando, ao tempo que "o máximo responsábel do PSdeG imposto por Madrid -por Manuel Vázquez-, non é persoa de fiar", concluíu.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: