Un recente estudo advirte sobre o desacerto na introdución das novas tecnoloxías nas escolas. As administracións seguen centrándose simplemente en mercar equipos.
A negociación parlamentaria deixou de momento no caixón unha das que foi promesa estrela durante o recente Debate do Estado no Congreso: a entrega dun computador portátil a todos os alumnos a partir do 5º curso da Primaria. A iniciativa é bo exemplo do que vén sendo o criterio das formacións políticas á hora de falaren dos seus proxectos no ámbito das novas tecnoloxías e a educación. A promesa de investimentos redúcese a miúdo, non importa a cor política, a asegurar que se comprarán máis computadores para as aulas.
Hai máis de cinco anos que Vieiros analizou polo miúdo este escenario. Baixo o título Chegaron os computadores á escola, e agora que?, debullábamos a situación: durante anos as conexións con banda larga e o fornecemento de equipos foran reivindicacións básicas, pero horas lle era de poñer obxectivos máis ambiciosos e inxectar recursos e estratexias que facilitasen o aproveitamento das novas ferramentas tecnolóxicas. O desafío está aínda por atender.
Da situación é bo exemplo o estudo que achega a publicación pedagóxica Magisterio, onde pon en relación a introdución de computadores nas aulas coa evolución do rendemento académico do alumnado. Conclúe a análise que a chegada destas tecnoloxías á escola non contribúe a mellorar resultados, senón que mesmo se observa unha lixeira caída no indicador da escala de Ciencias. Segundo interpretan, é un problema de modelo, non de cantidade. Suxiren desde esta publicación que debera buscarse unha estratexia de introdución dos computadores que consiga aumentar o rendemento do alumnado, integrándoos no proxecto pedagóxico dos centros.