O seu presidente, Xosé Manuel Pereiro, demándalle ao novo executivo unha lei que garanta dunha vez que os cargos do ente público van ser aprobados por unha ampla maioría parlamentaria cualificada.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) considera que a última polémica polo nomeamento do director xeral da CRTVG demostra a urxencia de introducir mecanismos legais que garantan a independencia dos profesionais.
“Nós como Colexio non estamos a xulgar a profesionalidade de Sánchez Izquierdo. Incluso, persoalmente, non me parece unha mala opción”, sinala o presidente do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, que lembra que sempre avogaron por nomeamentos que conten cunha ampla maioría do Parlamento. “O director ten que responder desta maioría, non só diante do Goberno”.
Aínda así, Pereiro pide que, unha vez incumprida flagrantemente a promesa do PPdeG, polo menos se dean pasos nesta lexislatura para artellar os mecanismos que fagan posíbel a “despolitización dos cargos” dos medios públicos.
Segue a polémica
O Consello da Xunta aprobou este xoves propoñer a Afonso Sánchez Izquierdo como novo director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia. Mais a polémica, lonxe de apagarse, prosegue. O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu que o PSdeG “terá que explicar as conversas que tivo ou non” co PPdeG para o nomeamento.
O PPdeG segue a manter que consultaron o nome de Sánchez Izquierdo cos socialistas e que chegaran a un acordo, algo que nega rotundamente o PSdeG.