A maior parte dos que non o están "nada" son cidadáns lituanos e eslovacos, seguidos polos británicos, gregos e chipriotas.
Máis da metade dos cidadáns da UE confesan non ter interese nas eleccións europeas, segundo un estudo elaborado por TNS Opinion para a Fundación francesa para a Innovación Política (Fondapol) e o xornal Le Figaro.
Consultados polos comicios da primeira semana de xuño (en Galiza, o domingo, día 7), o 18% dos participantes dixeron non estar "nada interesados" e o 35%, "pouco". A mesma porcentaxe, o 35%, afirmaron estalo "bastante" e o 11%, "moito", recolle a enquisa publicada esta semana.
A maior parte dos que non están "nada interesados" viven en Lituania e Eslovaquia (29%), seguidos polos do Reino Unido (28%) e Grecia e Chipre (26%). No polo oposto, a maioría dos "moi interesados" eran residentes en Luxemburgo (29%), Irlanda (25%) e Malta (23%).
As entrevistas realizáronse entre o 25 de marzo e o 15 de abril. Participaron un total de 15.130 europeos maiores de 18 anos dos 27 Estados membros da Unión Europea.