Desprazarase até Paquistán para procurar subir sen osíxeno artificial o GI (8.068 metros) e o G2 (8.035 metros) durante o mes de xullo.
Sechu López durante a presentación do seu novo reto
O montañeiro vigués Sechu López Pérez sairá o vindeiro 19 de xuño con rumbo á cidade paquistaní de Islamabad para cumprir alí o reto de subir dous montes cunha altura superior aos oito mil metros. Unha vez na capital do país asiático López continuará o seu camiño cara o macizo de Gasherbrum, na fronteira con China, onde abordará dúas montañas da cordilleira do Karakorum: o GI (8.068 metros) e o G2 (80.035 metros).
Na rolda de prensa en que presentou o seu novo desafío Sechu López recoñeceu a dificultade da nova aventura "porque son montañas extraordinariamente altas e voume atopar con condicións moi cambiantes e duras, ademais de posibilidade de gretas e avalanchas". O alpinista do club Montañeiros Celtas xuntou para a súa viaxe 14 mil euros, que lle chegaron principalmente da Fundación Vigo Deporte (Vide) mais tamén da iniciativa privada.
López Pérez pretende comezar o ataque ao GI o 2 de xullo e completar en 30 días a aclimatación no campo base (situado a máis de cinco mil metros) e a ascensión aos dous empinados colosos. Así, o 2 de agosto comezará unha viaxe que o levará de volta a Vigo o 12 dese mes.