M.S.P. - 18:25 20/05/2009
Uxía Senlle presenta o disco de Guadi Galego
Uxía Senlle exerceu de madriña, presentando canda a Guillermo Fernández o primeiro disco en solitario da cantante e gaiteira de Cedeira: "Estamos de festa", dixo Uxía, "cada vez que un disco galego sae á rúa debe ser un motivo de satisfacción; necesitamos referentes, cancións para legar aos cativos e cativas que van vir, porque a música segue sendo fundamental para que un idioma perviva".
Son dez cancións:
Acordes/ Madama/ Muiñeira de Concha de Luneda/ Dama/ Muiñeira da luz de Baldaio/ Norte do alén I e II/ Canto / Xota do 9 de abril/ París - La Habana/ Imende - Portos/ Ruada, con estilos moi diferentes, dende os máis achegados ao folk, até os arranxados en clave de jazz ou de pop. Para Guillermo Fernández, que se novo acompaña á cantante de Cedeira nun proxecto, "esta multiplicidade estilística está resolta pola unidade que lle dá a voz de Guadi".
A propia
Guadi Galego asegura que "quería facer unha revisión das melodías tradicionais que a min me impactan", unha idea na que recunca Uxía, ao salientar que o álbum hai "moito respecto á música tradicional e á literatura popular". Galego sinala, ademais, que
Benzón "non ten que ver con Espido, nin con Nordestinas, nin cos discos que saquei con Berroguüetto, pero todos teñen o mesmo xerme, que é a música popular".
Benzón contou con numerosas colaboracións de músicos do país, destacando as letras emprestadas por Uxía Senlle, Ugía Pedreira, Manolo Maseda ou Rosa Bugallo, e as achegas musicais de Leilía, Abe Rábade, Santi e Uxía Cribeiro, Quim Fariña, Marcos Vázquez, Suso Iglesias, Sergio Sieiro, Xacobe Martínez Antelo e Leandro Delltell.
Muiñeira de Concha de Luneda
Madama
Texto de presentación do disco, por Uxía Senlle
Esta morena de Cedeira trae canda ela o recendo salgado dos portos do norte e a brisa fresca do talento mariñeiro prendido da súa voz. Na súa leira medran barcos vellos, utopías, folliñas de alecrín, o eco dos nosos antergos e unha fonte de melodías e palabras que nunca seca. Cativa e seduce polo fondo sentimento que lle imprime á súa música, pola intensidade coa que di cada sílaba como se quixera salvarnos do medo e da dor. Emotiva e fráxil, serena que serpea nos nosos corazóns, os pés nus nunha terra que ama e que fai máis nosa cando ela a viste co seu canto. O tempo se cadra, para de vez, e déixanos beber a amizade nunha taberna ao norte do alén. BENZÓN, Guadi, en nome do futuro alentador que nos brindas a nós e aos que virán. Viva a terra que pisas!