O tenista de Ares (Ferrol) impúxose nas categorías de individuais e dobres, tendo nesta última como compañeiro ao madrileño Rubén Pérez.
Álvaro Illobre consolidou a súa hexemonía no tenis adaptado a nivel estatal, gañando a XIX edición do campionato e revalidando así o título acadado no 2008. Ademais, nesta ocasión gañou tamén na categoría de dobres. O torneo disputouse en Marbella, entre os días 14 e 17 e constituía, segundo Illobre "o principal obxectivo para esta tempada, xunto co máster que se vai disputar ao final do ano".
Illobre enfrontouse na final do campionato individual a Juan Manuel Ramos, ao que venceu por 6-4 e 6-0, acusando o seu rival a fatiga acumulada. En cuartos de final impuxérase a José Ruíz (6-2 e 6-0) e nas semifinais fixo o propio con Manuel Palau, ao que lle infrinxiu un contundente 6-0 e 6-0. Sobre o torneo dixo que "agardaba máis pelexa na final, pero cheguei moito máis fresco que o meu rival, porque el tivo un camiño máis duro para clasificarse, e xa afrontou moi cansado o meu partido". En dobres Álvaro Illobre e o seu compañeiro Rubén Pérez acadaron unha clara vitoria ao impoñerse por 6-0 e 6-1 á parella que formaban Juan Manuel Ramos e Javier Sánchez.
Illobre albisca a posibilidade de participar nos vindeiros Xogos Olímpicos
Illobre consolídase, deste xeito, como tenista máis forte do momento a nivel estatal e, co seu principal obxectivo cumprido, vaise centrar en "manterme entre os 100 primeiros da listaxe internacional" na que agora ocupa o posto 81. O tenista recoñece que contempla a posibilidade de participar en Londres, nos seus terceiros Xogos Paralímpicos: "2009 e 2010 son dous anos de transición nos que vou mirar de xogar seis ou sete torneos por ano para manterme nunha boa posición na listaxe. Despois no 2011 xa verei se me atopo ben para tratar de meterme entre os 64 primeiros que van participar nos Xogos Paralímpicos".
O vindeiro mércores Illobre seguirá o seu camiño, partindo cara a Italia, onde disputará un torneo internacional perto da cidade de Venecia.