O Concello de Compostela colabora na creación dun espello galego de bookcrosing.com, manual para o "liberador" de libros incluído.
A vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez e A vida e obra de María Mariño. Velaí dous libros "liberados" hai apenas un par de días no aeroporto de Lavacolla, onde hai dous anos alguén ceibou por exemplo un exemplar de Romeo e Xulieta. E se van pasar pola Praza da Quintana ou as Facultades de Medicina e de Historia, saiban que son outros lugares da capital onde andan libros ceibos. A Escola Oficial de Idiomas da Coruña, a Illa de Arousa, a praza da Ferreiría en Pontevedra, a estación do tren e o Museo Verbum en Vigo, ou a biblioteca municipal de Lugo son outros recantos onde algúns lectores deixaron libros para compartir con quen queira. A nivel galego, Ourense é agora mesmo a cidade onde máis libros ceibos poden atoparse.
E na lista soben firme os lectores de Santiago, desde onde esta semana naceu un punto de encontro na rede para o chamado bookcrossing. Toda a información poden atopala no espazo web Libro-libre. A iniciativa está incluída no conxunto de actividades d'A Revolta das Letras, deseñada en Compostela polas concellarías de Cultura, Medio Ambiente e Cidade Histórica, e que se vai desenvolver ao longo do sábado 16 de maio en distintos espazos da cidade. Recordou a concelleira de Cultura, Socorro García, que as propias concellarías van liberar medio cento de libros por toda a cidade durante esta fin de semana. "É unha iniciativa "reivindicativa que pretende a posta en valor do galego como unha lingua viva, amosando a rica produción cultural que dela se fornece", destacou a edil nacionalista.