Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
HOMENAXE NO TEATRO PRINCIPAL

"Un abrazo xigante de 95 estalos" para Avelino Pousa Antelo

Ducias de amigos do "mestre do millo" xuntáronse para acompañalo no seu 95º aniversario, aproveitando a presentación dun documental realizado por Xan Leira.

P.G.M. - 12:35 15/05/2009
Os 95 anos non aplacan o espírito de Pousa Antelo, que mesmo subiu ao escenario para axudar a animar a festa

Os 95 anos non aplacan o espírito de Pousa Antelo, que mesmo subiu ao escenario para axudar a animar a festa

Este xoves o Teatro Principal de Compostela viviu un emotivo acto que serviu para celebrar o 95º aniversario de Avelino Pousa Antelo, que foi organizado a raíz da presentación dun documental realizado por Xan Leira titulado Lembranzas e reflexións de Avelino Pousa Antelo.

O acto conduciuno o propio director do documental, xunto co escritor David Otero, que leu un texto no que louvou o compromiso do histórico galeguista co seu país, nos diferentes eidos nos que participou. Despois Pousa Antelo leu un breve texto que comezou cun recorrente "de ben nacido é ser agradecido" para ir aumentando en intensidade emotiva até rematar dicindo que "presumo do meu ideal galeguista ... e de espallalo por Galiza" e "presumo dos bos amigos que me axudaron a termar das miñas 95 primaveras". Rematou de ler o texto, levantou a vista e despediuse: "un feixe de gracias".

Despois da presentación abriuse unha quenda de intervencións aberta na que participaron, entre outros, Isaac Díaz Pardo, Martiño Noriega (alcalde de Teo), Xosé Luís Bóveda e membros de diferentes asociacións culturais. Aquí falouse tanto da súa labor como "ponte entre o galeguismo dos séculos XIX, XX e XXI" como do traballo no agro para difundir o cooperativismo e as melloras nas técnicas de cultivo.

Nas súas intervencións gabaron o traballo feito por Pousa Antelo a prol da defensa do país e tamén a súa labor de divulgación das melloras nas técnicas de cultivo e labranza, que comezou na escola agrícola da granxa de Barreiros e despois levaría a Canarias, Zaragoza e, xa de volta definitivamente a Galiza, en Pontecesures. Un dos momentos máis divertidos viviuse cando o seu compañeiro de activismo antifranquista, Isaac Díaz Pardo, o animou a seguir loitando baixo o argumento de que "tes que chegar aos cen anos, que agora que chegaches aos 95 chegar aos cen é moi fácil".

Máis tarde veu a parte musical coa actuación da Quenlla e incluso unha pequena demostración do homenaxeado, que se animou a zumbarlle ao tambor demostrando que aínda consegue converter en son o vertixinoso ritmo ao que a sangue azul e branca leva 95 anos zumbando polas súas veas. Despois proxectouse o libro-documental Lembranzas e reflexións de Avelino Pousa Antelo, dirixido por Xan Leira. Este documento audiovisual apoiado por un soporte escrito fai un percorrido pola vida do mestre do millo, na liña doutros traballos do mesmo director adicados a históricos galeguistas como Ánxel Casal, Daniel Castelao ou Alexandre Bóveda.


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xan Leira, Pousa Antelo e David Otero durante a presentación do acto (clic para ampliar)
Xan Leira, Pousa Antelo e David Otero durante a presentación do acto (clic para ampliar)
A Quenlla tamén participou na homenaxe (clic para ampliar)
A Quenlla tamén participou na homenaxe (clic para ampliar)
O público estivo moi implicado (clic para ampliar)
O público estivo moi implicado (clic para ampliar)
Mesmo o homenaxeado quixo participar activamente da troula (clic para ampliar)
Mesmo o homenaxeado quixo participar activamente da troula (clic para ampliar)