Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
OBRA DE MERCEDES QUEIXAS

Un retrato "non haxiográfico" de Piñeiro

Francisco Pillado e Pilar García Negro acompañaron á autora na presentación de 'Ramón Piñeiro, a expresión cultural dunha estratexia política'.

M.S.P. - 16:48 13/05/2009

No seu breve ensaio, Mercedes Queixas repasa a vida de Ramón Piñeiro, "un fío polo que se pode ir desfacendo o nobelo do século XX", salientando principalmente a súa preocupación e as súas análises sobre a lingua, "visto dende a perspectiva actual demóstrase o pouco que andamos". Queixas defende que toda a actividade cultural realizada por Piñeiro foi sempre a praxe dunha estratexia política moi definida, que o afastou do nacionalismo e que culminou coa súa incorporación como independente ás listas socialistas. Salienta o proceso de liquidación do Partido Galeguista e lembra unha carta que Rodolfo Prada lle remitiu a Piñeiro en 1976 na que lle reclamaba que erguese de novo o Partido Galeguista, para participar nas primeiras eleccións democráticas, algo que foi rexeitado por Piñeiro.

Na presentación de Ramón Piñeiro, a expresión cultural dunha estratexia política (Laiovento), Francisco Pillado salientou que "non era fácil atopar un autor que falase de Piñeiro na nosa liña editorial". Malia recoñecer o traballo de Piñeiro a prol da lingua e o papel xogado pola Editorial Galaxia, Pillado valorou moi negativamente o intento de galeguización dos partidos españois, "que resultou un fracaso, como estamos vendo estes días" e recordou algunhas accións da vida política de Piñeiro, como a votación pola que o Parlamento galego expulsou en 1982 aos tres deputados do Bloque-PSG, na que Piñeiro e os demais 'galeguistas' integrados no PSOE votaron a favor.

Pilar García Negro, que presentou o libro da súa antiga alumna, Mercedes Queixas, incidiu, ao igual que Pillado no "fracaso galeguizador" de Piñeiro e comentou que malia coincidir na análise da situación da lingua expresada polo intelectual de Láncara en 'A Linguaxe e as Linguas', "ese obxectivo de socializar o uso urbano da lingua non se podía isolar do resto dos ámbitos da sociedade, como a política, como fixo Piñeiro". Tamén lle criticou o que cualificou de "control ferreño da produción cultural doméstica", lembrando unha conversa mantida con Avilés de Taramancos na que o poeta se laiaba do "seguimento" que Piñeiro realizaba das actividades dos autores literarios.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: