Ao ciclista de Marín só lle durou un día a malla verde que distingue aos mellores escaladores da carreira, e que tratará de recuperar este martes.
David García non puido manter na terceira etapa a camisola verde que conquistara o domingo ao pasar en primeira posición polo único porto co que contaba a etapa. Aínda así, o ciclista de Marín queda empatado a tres puntos co actual líder, Mauro Facci. Isto permitiralle loitar por recuperar o liderado desta clasificación o martes nunha etapa que remata con dúas subidas de segunda categoría.
A perda deste liderado só priva ao Xacobeo de ter un maior protagonismo nas primeiras etapas, pero non abafa o razoábel papel que está realizando o equipo de Álvaro Pino. Actualmente ocupan a 18ª posición da listaxe por equipos, por diante de cadros como o AG2R ou o Milram. O corredor mellor situado na xeral é agora Eduard Vorganov, na 38ª posición, cunha desvantaxe de un minuto e 37 segundos sobre o italiano Alessandro Petacchi que lidera a clasificación xeral.
Este martes hai unha etapa de media montaña, con dúas subidas de segunda categoría na parte final, e o mércores a etapa rematará tamén cunha ascensión igualmente cualificada. Nesta contextura os xogadores do Xacobeo poden ter ocasión de loitar pola anhelada vitoria se os máis rufos non comezan xa á súa loita particular.