Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Compromiso co Galego

O Concello da Estrada, o estaleiro Barreras e Emilio González, premios Lois Peña Novo

Esta fin de semana fíxose pública a decisión do xurado para a XV edición destes galardóns en favor do compromiso público en favor da lingua.

Redacción - 11:15 11/05/2009

Segundo o fallo do xurado os recoñementos en 2009 son para:

O CONCELLO DA ESTRADA:
Polo seu compromiso iniciado no ano 1984 coa normalización lingüística na xestión administrativa e nomeadamente, tamén, por ter demostrado na práctica que a galeguización da vida municipal é posíbel, desexábel e agradábel desde todas as opcións políticas. Salienta o xurado o impulso que o Concello da Estrada ten dado ao longo de todos estes anos á recuperación de figuras egrexias que transcende o marco local e creou un clima favorecedor para a aparición doutras brillantes iniciativas galeguizadoras autónomas.

AO ESTALEIRO H. J. BARRERAS:
Polo compromiso público desta empresa punteira no sector naval coa lingua galega, que identifica a nosa identidade coas tecnoloxías de vangarda. Considera o xurado que o prestixio internacional deste estaleiro resulta beneficioso para unha lingua como a galega porque evidencia que é unha lingua versátil e capaz para vehicular unha actividade empresarial moderna. Valórase tamén o exemplo que dá ao resto das empresas do noso país.

A D. EMILIO GONZÁLEZ FERNÁNDEZ -médico psiquiatra- :
Pola súa traxectoria profesional na que sempre utilizou a lingua galega na relación médico-paciente. O xurado valora que o doutor González Fernández non reduce a utilización do galego a usar un repertorio de palabras senón que considera a lingua como vehículo dun mundo cultural que o paciente ten dentro e que o acceso a ese mundo cultural é o único que permite estabelecer un diagnóstico certeiro e desencadear unha terapia eficaz. O valor terapéutico da lingua do paciente é aínda unha novidade científica que non sempre percibe a medicina convencional pero que continúa o traballo de predecesores como Rof Carballo, López Nogueira ou García Sabell.


A decisión coñeceuse a pasada fin de semana na Pousada do Castelo de Soutomaior, onde se reuniu o xurado da XV edición dos Premios Lois Peña Novo, conformado desta volta por Xesús Ferro Ruibal, académico da RAG. e escritor, como Presidente; Pablo Vaamonde García, médico e escritor; Xulio Ríos Paredes, director do Instituto Galego de Análise Internacional (IGADI) e escritor; Sandra Piñeiro Vilas, xuíza de Primeira Instancia e Instrución do Xulgado de Marín; Xoaquín Monteagudo Romero, secretario de Administración Local; Gonzalo Amoedo López, funcionario de Administración Local e escritor, como vogais e actuando de secretaria Carme Pérez Vaquero, secretaria da Fundación Lois Peña Novo.


4,11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: