A activista e premio Nobel da Paz traballa nunha agrupación política encamiñada a concorrer aos comicios de 2011. Non desvelou aínda se vai ser a candidata.
Winaq, que significa ser humano integral, é o nome do partido creado por Rigoberta Menchú co obxectivo de presentarse ás eleccións presidenciais de Guatemala, en 2011. Aínda que Menchú non desvelou se vai ser ela mesma a candidata, nunha entrevista coa prensa guatemalteca en Antigua, onde estes días preside a segunda conferencia da Iniciativa das Mulleres Premios Nobel, Menchú afirmou que "nada impide que as mulleres teñamos unha cota de poder no goberno do país", acrecentando que "se aínda non o está, Guatemala vai ter que prepararse para ser gobernada por unha muller indíxena".
A líder indíxena e Nobel da Paz 1992, tamén explicou que hai un mes que traballa no proceso de formación deste partido do que, polo de agora, foi nomeada secretaria xeral.
"Considérome capacitada para dirixir o meu país"
O partido Winaq está pensado como "unha estrutura que reivindique a igualdade étnica e de xénero", segundo subliñou Menchú. "Queremos xerar unha nova esperanza. É un traballo enorme e difícil, mais tamén fascinante", dixo. Menchú tamén precisou que a finais de 2010 o partido ha escoller os seus representantes para as presidencias de 2011. "E a partir de aí xa se verá quen é o elixido, mais se os meus compañeiros cren que podo ser eu, moi ben, considérome capacitada para dirixir o meu país", puntualizou. Nesta liña, pediulle á comunidade internacional que lle dea unha oportunidade a este movemento político xa que, segundo engadiu, "non se pode aprazar máis a participación dos pobos indíxenas. Deben entender que non pode existir unha Guatemala monocultural, monolingüe e monoétnica; non imos aguantar máis o racismo", sentenciou.