O ciclista arousán é, xunto a David García, unha das principais espadas coas que o Xacobeo chega á loita transalpina.
Gustavo César Veloso
Gustavo Veloso (Vilagarcía, 1980) é un dos sete ciclistas que se manteñen do equipo que fai xa máis de dous anos comezou, entón baixo a denominación Karpin Galicia. Coa idade na que un ciclista adoita acadar a súa madurez Veloso ten todas as condicións para seguir aumentando o seu palmarés e contribuíndo a facer o propio co do equipo. Este ano non puido loitar por revalidar en Catalunya o título acadado o ano anterior na Volta, pero a baixa de Ezequiel Mosquera déixalle o escenario axeitado para lucirse en Italia.
Vieiros: En que estado de forma chegas ao Giro?
Gustavo Veloso: Creo que chego ben. Nas últimas carreiras estiven ben, aínda que é distinto correr unha carreira de unha semana e unha volta de tres, mais síntome ben.
Como recibiu o cadro de ciclistas a nova da baixa de Ezequiel Mosquera?
Sempre é un pau, porque levabamos tempo pensando en ir alí a traballar para el. Agora só nos queda cambiar a maneira de pensar e mentalizarnos para dar guerra durante a carreira, que para iso imos até alí.
Álvaro Pino dixo que agora "ninguén se podería queixar" de estar atado por traballar para un líder claro. Pensas que isto abre as vosas posibilidades na carreira?
Está claro que imos ter moita máis liberdade en momentos puntuais. Despois, o Giro é unha carreira moi dura e nós non somos escaladores. O que teremos que ir vendo é se nos compensa centrarnos en facer unha boa xeral ou pensar máis en ir a polas etapas, pero sobre isto supoño que nos orientará Álvaro antes de comezar a carreira. De todos os xeitos, ao final todo dependerá de como vaian indo as etapas.
A baixa de Mosquera aumenta a presión sobre o resto de ciclistas, á hora de responder ante o honor que supuxo ser invitados para esta carreira?
Si, agora hai máis presión, pero todo desaparecerá cando comece a carreira o primeiro día. Unha vez que comezas a correr esquéceste e vas día a día. Aquí todos experimentamos esta presión cando corríamos en profesionais ou ben en categorías inferiores, entón cada vez afaste mellor a estas cousas.
Pode ser este escenario unha boa ocasión para que comecen a emerxer os ciclistas que poden marcar o futuro do equipo?
Eu penso que ese cambio xeracional vaise ir dando pouco a pouco. Non é cuestión dunha carreira, senón de que os máis novos vaian madurando. Se cadra hai mozos que nesta carreira non están en boa forma, pero dentro de dous anos fan un gran papel. O que teñen que facer é agardar o momento e aproveitalo.
Cal é o teu obxectivo na carreira?
Gañar unha etapa. Este é o meu obxectivo dende que souben que non ía correr na Volta a Catalunya (o equipo non foi convidado malia ser Gustavo Veloso o gañador do ano anterior). Aínda así, non descarto disputar un bo posto na xeral se me vexo nas posicións dianteiras segundo pasan as etapas.
En que etapas pensas que tes máis posibilidades de acadar esa vitoria?
Nas que veñen despois do primeiro bloque de etapas de montaña. Aínda así sei que se nas primeiras etapas duras non perdo moito tempo é difícil que me deixen coller unha fuga. Se o corpo non responde na alta montaña haberá que levantar o pé para gardarse e buscar unha vitoria máis adiante.
Contabas con estar correndo unha competición tan importante como o Giro do centenario cando fichaches polo Xacobeo?
Cando estás un chanzo por debaixo velo máis lonxe, pero dende que comecei a correr vexo o equipo cada vez mellor. O que máis me sorprendeu foi o cedo que chegamos a corre en competicións importantes como a Vuelta, a Volta a Catalunya ou agora o Giro d´Italia. Tiña a esperanza de chegar a facelo, pero non tan pronto.
Cal é o seguinte paso no crecemento deste equipo?
O equipo xa está consolidado e agora un paso importante sería poder correr o Tour algún día. Para chegar até alí hai que darlle tempo a que maduren os corredores novos cos que conta este grupo e ver o que son capaces de facer.