Relación dos novos nomeamentos nos departamentos do Goberno Galego.
Esta quinta feira o Consello da Xunta tamén fixo públicos os novos nomeamentos e ceses, continuando na liña desenvolvida en semanas pasadas, dende a toma de posesión do presidente, Alberte Núñez Feijoo.
Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Valeriano Martínez García será o vindeiro secretario xeral de Presidencia (licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, quen ocupou, entre 2003 e 2005, o cargo de director xeral de Transportes, e de 2006 a 2009, foi auditor do Consello de Contas de Galicia). O director xeral do Gabinete será Álvaro Pérez López (licenciado en Dereito, de 2003 a 2005 traballou como asesor para asuntos parlamentarios no Gabinete do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e na actualidade é colaborador do grupo parlamentario do PPdeG), e dentro desta consellaría o Director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa será Jaime Bouzada Romero (licenciado en Dereito e xefe do Servizo Técnico Xurídico da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade dende maio de 2007).
Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
Ethel Mª Vázquez Mourelle (Enxeñeira Técnica Superior de Camiños, Canais e Portos e xefa de Gabinete do director xeral do Organismo Autónomo Augas de Galicia e do presidente da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos entre 2003 e 2005) foi nomeada presidenta do organismo autónomo de Augas de Galicia e do Consello de Administración da Empresa Pública Obras e Servizos Hidráulicos.
Polo seu lado Manuel Borobio Sanchiz (Arquitecto con especialidade en Urbanismo, traballando na actualidade de conselleiro técnico do Concello da Coruña, na área de Urbanismo e de profesor asociado no departamento de Urbanismo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña) foi nomeado director xeral de Sostibilidade e Paisaxe; Miguel Rodríguez Bugarín (enxeñeiro de Caminos, Canais e Portos e catedrático, dende 2003, da Área de Enxeñería e Infraestrutura dos Transportes na UdC), foi nomeado director xeral de Mobilidade; e María Encarnación Rivas Díaz (arquitecta e Asesora urbanística da Deputación Provincial de Pontevedra dende 2008) foi nomeada secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
Consellaría de Economía e Industria
Nesta consellaría foron maiores as disposicións de ceses que os nomeamentos. De feito, comunicouse o cese de Salustiano Mato de la Iglesia como director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación; de Ana María Rúa Souto como directora xeral de Comercio; e de María Helena Veiguela Martínez como directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, todos eles dentro da Consellería de Innovación e Industria creada polo bipartito.
Nesta liña, nomeouse a Ricardo Capilla Pueyo (enxeñeiro de Telecomunicacións e, desde 2003 e até a actualidade ocupa o cargo de director xeral do Parque Tecnolóxico de Galicia) como director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación; e a María Nava Castro Domínguez (licenciada en Filoloxía Hispánica. Desde 2003 é concelleira de Servizos Sociais e tenente de alcalde do Concello de Ponteareas, onde en 2007 asumiu a concellaría de Economía e Facenda) como directora xeral de Comercio.
Consellaría de Educación
Dentro deste departamento nomeouse a José Alberto Díez de Castro (profesor titular de pertencente á área de Organización de Empresas do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Universidade de Santiago de Compostela) como secretario xeral de Universidades.
Consellaría de Sanidade
Nesta consellaría nomeouse a María Nieves Domínguez González (licenciada en Medicina e Cirurxía, e dende 2005, técnico de saúde da Xerencia de Atención Primaria da Coruña) como directora de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.
Consellaría de Cultura e Turismo
Nesta consellaría foron dous os nomeamentos: o de Mª Carmen Pardo López (licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, tenente de alcalde de Verín e deputada do PPdeG) como secretaria xeral para o Turismo e o de José Manuel Rey Pichel (quen cursou estudos de Arquitectura na especialidade de Urbanismo e foi director xerente, dende 2005, da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Santiago de Compostela, EMUVISSA) como director xeral do Patrimonio Cultural. Mentres, dispúxose o cese de Miguel Ángel Martín Fernández como director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic).
Consellaría de Traballo e Benestar
Neste departamento nomeouse a Ana María Díaz López (licenciada en Dereito e xefa de Sección na Delegación Provincial da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Coruña, dende 2005) como directora xeral de Formación e Colocación.
Consellaría de Economía e Industria
Nesta departamento desenvolveuse un acordo polo que se nomearon os membros do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Segundo este acordo, formarán parte do órgano de goberno deste organismo o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra; a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás; a de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez; e a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Tamén se integrarán na dirección do Igape o secretario xeral da Presidencia, a secretaria xeral para o Turismo e o director xeral de Planificación e Fondos.