A Universitat de Barcelona celebra as Letras Galegas cun acto no que intervirán Basilio Losada, catedrático de Filoloxía galego-portuguesa na UB, José Antonio González Casanova, catedrático de Dereito Constitucional, e Víctor Fernández Freixanes, director da Editorial Galaxia e membro da Academia Galega.
No acto presentarase o libro Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia (1961-1984), de Ramón Piñeiro e Basilio Losada, editado por María Xesús Lama e Helena González. Entre 1961 e 1984, Ramón Piñeiro e Basilio Losada mantiveron unha intensa correspondencia (453 cartas en total), que a Editorial Galaxia vén de publicar. A través desas cartas pódense coñecer polo miúdo os proxectos desenvolvidos polos grupos galeguistas durante a ditadura, as conexións incorporación dos estudos de galego nas universidades de Compostela e Barcelona, a galeguización do Centro Galego de Barcelona, os avances no recoñecemento da lingua a nivel institucional e popular e as revoltas contra o réxime. A finais dos anos sesenta J.A. González Casanova entra en contacto co galeguismo e mantén un intenso contacto cos grupos máis activos, incluído o propio Piñeiro.
O acto terá lugar o mércores 6 de maio de 2009 ás 19:30 no Edificio Histórico da Facultat de Filologia da UB (Aula 113).
Máis información na web de Filoloxía Galega na UB.