Naquela altura remata o acordo da ICANN coa administración dos EUA. A UE esixe a introdución dunha xestión realmente independente e transparente.
Viviane Reding, comisaria europea para a Sociedade da Información
"Creo que o presidente Obama terá o valor, a sabedoría e o respecto pola natureza global de internet, como para abrirlle o camiño en setembro a unha nova forma de gobernación na internet, máis responsábel, transparente, democrática e multilateral". Deste xeito se refería esta semana a comisaria europea para a Sociedade da Información e os Medios de Comunicación, Viviane Reding, á inminente finalización do acordo que a Corporación de Asignación de Nomes e Números en Internet (ICANN) mantén co departamento de Comercio dos Estados Unidos.
Con sede en California, a ICANN, organismo internacional responsábel da estrutura da rede e da asignación dos dominios, depende así na actualidade do goberno estadounidense, malia teoricamente ser unha corporación privada sen ánimo de lucro. Viviane Reding recuperou esta semana a situación para o primeiro plano, e chamou a ir negociando o modelo internacional a aplicar unha vez que o 30 de setembro próximo caduque ese acordo.
Reding falou da necesidade dunha ICANN "totalmente privada" e cun corpo xudicial independente e un foro multilateral onde os gobernos debatan sobre as políticas para a rede e os desafíos de seguridade en internet. De xeito concreto, a eurocomisaria suxire un núcleo formado por doce membros: dous de América do Norte, dous de América do Sur, dous de Europa, dous de África, tres de Asia e Australia. Ademais, elixiríase un presidente da ICANN, que tería voz pero non voto.