A Xunta prevé 700 xubilacións de docentes este curso. Os sindicatos critican que non haxa oferta para a Secundaria.
Velaquí a proposta de oferta de emprego público que expuxo este luns a Consellaría de Educación durante a xuntanza cos sindicatos na Mesa Sectorial de Educación:
Para o corpo de mestres, a distribución de prazas é a seguinte:
-Idioma estranxeiro (inglés): 85
-Idioma estranxeiro (francés): 30
-Educación primaria: 100
-Educación infantil: 260
-Pedagoxía terapéutica: 60
-Audición e linguaxe: 55
-Música: 75
-Educación física: 75
Para o corpo de Inspectores de Educación: 13 prazas
Segundo argumentou a consellaría, nunha xuntanza presidida polo secretario xeral, Xosé Luís Vázquez Fernández, a oferta axustouse ao estudo da actual composición do corpo docente e a análise de necesidades previstas. A consellaría prevé a xubilación á fin deste curso escolar dun total de 700 docentes, a maioría (400) no corpo de mestres, 100 no de mestres que imparten 1º e 2º da ESO e 200 en diferentes especialidades de Primaria e Infantil.
Xa que logo, as 740 prazas, 400 cubrirían vacantes por xubilación, 57 serán de nova cota, e 238 destinadas a prazas ocupadas por interinos no último curso (en 2008-2009 un total de 641 mestres interinos impartiron clase nas aulas do país). No que lle toca á Inspección, a consellaría convoca 13 prazas que, en realidade, destinaríanse a estabilizar as funcións que na actualidade se cobren en réxime de comisión de servizos, unha ducia de inspectores así seleccionados durante a última lexislatura e dos que o actual Goberno considera que se elixiron "a través dun procedemento con certa subxectividade".
Queixa sindical pola renuncia á convocatoria en Secundaria
No que lle toca ao Ensino Secundario Obrigatorio (ESO), a Consellaría de Educación considera que é mellor agardar a que o próximo curso remate a introdución do novo sistema educativo na ESO e Bacharelato. Entenden desde a Xunta que nese momento poderá avaliarse "con maior precisión" cales son as necesidades reais e futuras neste treito educativo.
Diferente opinión teñen desde os sindicatos, coincidindo en reclamar prazas para o treito da ESO. Así o solicita por exemplo Comisións Obreiras, cuxo voceiro Xosé Fortes explicou para os micrófonos da Radio Galega que a consellaría debera responder á demanda de prazas en beneficio do ensino de calidade. Do mesmo xeito, desde a CIG-Ensino recordan que desafíos da comunidade educativa como a loita contra o fracaso escolar, a axeitada atención á diversidade ou a redución de horario lectivo a profesorado de máis de 55 anos pasan necesariamente pola ampliación do corpo docente. Desde FETE-UXT consideran "positiva" a oferta para a Primaria, pero alertan da tardanza da convocatoria e do problema dos prazos. Por outro lado, valoran negativamente a renuncia a ofertar prazas de profesorado para a Secundaria.