A Fundación Premios da Crítica-Galicia tamén recoñeceu a Ramón Lorenzo, ao músico Juan Durán, a Nova Galega de Danza e ao Festival de Cans.
Luis González Tosar recibiu o premio na categoría de Creación Literaria, polo seu poemario Estúrdiga materia, publicado por Galaxia hai uns meses. O xurado salientou "a forza expresiva da voz poética". Tamén foi recoñecido Henrique Monteagudo, na modalidade de Investigación, por Letras primeiras. O foral de Caldelas, no que analiza o documento máis antigo escrito en galego. Camilo Nogueira recibiu o galardón no apartado de Ensaio e Creación, por Europa, o continente pensado, tamén publicado por Galaxia.
Na categoría de música foi premiado o compositor Juan Durán, mentres que a compañía Nova Galega de Danza levou o premio de Ciencias e Artes da Representación, e o Festival de Cans, o de Iniciativas Culturais.
Finalmente, a Fundación Premios da Crítica-Galicia escolleu por unanimidade como galego egrexio a Ramón Lorenzo, catedrático de Filoloxía Galega da USC, polo seu "inquebrantábel compromiso coa lingua e a cultura galegas, mantido de maneira coherente dende a súa mocidade até hoxe, o seu traballo modélico no ámbito da filoloxía medieval galega, o seu maxisterio na Universidade de Santiago, que foi sempre semente de galeguidade".