 
 
O ex presidente da Xunta amosa a súa satisfacción pola súa volta á xestión pública.
O Consello de Ministros nomeou este xoves a Fernando González Laxe novo presidente de Portos do Estado, ente público que xestiona as 28 autoridades portuarias. González Laxe expresou a súa satisfacción e agradecemento ao ministro de Fomento, Xosé Blanco, pola súa elección, e afirmou que afronta esta nova etapa como "un desafío" e tamén cun "compromiso con este proxecto político". 
  
  Ao respecto, destacou, en declaracións a Europa Press, os novos retos que debe afrontar o o sector portuario estatal e trasladou a súa intención de enfocar a súa xestión incentivando a eficiencia dos portos; facilitando a súa conexión por ferrocarril e coas infraestruturas viarias "e coa idea tamén de que deben contribuír ao desenvolvemento do ámbito onde están situados", sinalou. 
  
  Así mesmo, manifestou tamén a súa satisfacción pola súa volta á xestión pública e remarcou o seu "compromiso" e a súa "lealdade" á fronte deste novo proxecto.   
  
  Laxe (A Coruña, 1952) substitúe no cargo a Mariano Navas. Na actualidade é membro do Consello Consultivo de Galicia e director do Instituto Universitario de Estudios Marítimos e estaba na Universidade da Coruña no departamento de Economía Aplicada. 
  
  Currículo de Fernando González Laxe 
  O novo responsábel de Portos do Estado foi presidente da Xunta de Galicia, senador e membro da Asemblea parlamentaria do Consello de Europa. Así mesmo, ocupou o cargo de tenente de alcalde do Concello da súa cidade natal. 
  
  O ex mandatario galego, doutor en Ciencias Económicas e Catedrático de Economía Aplicada, conta con experiencia en economía marítima, xa que en 1982 foi nomeado director xeral de Ordenación Pesqueira do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no primeiro goberno socialista no Estado, así como representante estatal na Conferencia Mundial da FAO sobre pesca. 
  
  O 15 de setembro de 1987, González Laxe presentou unha moción de censura contra o Goberno de Xerardo Fernández Albor, que levou un goberno tripartito ao poder. Dous anos despois, perdeu as eleccións fronte a Manuel Fraga. Tras deixar a Presidencia da Xunta en 1989 coa primeira maioría absoluta do PP, Laxe foi senador durante dez anos e presidiu as comisións de economía e para temas internacionais.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto