Os nacionalistas esíxenlle a Feijoo que expoña no Parlamento a estratexia en materia de lingua no canto de debullala nos medios de comunicación.
Os portavoces de Educación e Lingua do BNG, Carme Adán e Bieito Lobeira criticaron esta cuarta feira que o propio Goberno convide os centros a incumprir o decreto do galego no ensino, "aínda vixente", creando "inseguridade" na propia comunidade docente. En resposta á afirmación de Núñez Feijoo sobre a "necesidade de repoñer os dereitos civís", o BNG retrúcalle ao presidente da Xunta que "é un dereito civil garantir a posibilidade de coñecer e expresarse correctamente en lingua galega para todo o alumnado do noso país".
Lobeira e Adán lamentan as declaracións de Núñez Feijoo nunha entrevista radiofónica nun medio de comunicación estatal sobre o uso do galego nas aulas galegas e indican que esta decisión "contradí o seu compromiso adquirido no Parlamento e as declaracións do seu Conselleiro de Educación nas que falaba de procurar o consenso no tema da lingua".
O grupo do BNG insta a Feijoo a levar o debate "sobre un tema de esta relevancia" ao Parlamento. Aló, piden os nacionalistas, os populares deberan explicar "cal é a auténtica política lingüística do Partido Popular e como a pensa aplicar desde o Goberno". Do coñecido a través dos medios, opinan os voceiros do Bloque que o PP parece apostar pola "vulneración da legalidade vixente e unha auténtica provocación por parte do goberno galego que pretende impoñer, de facto, un modelo lingüístico que exclúa á nosa lingua do ensino".