Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Futuro dos medios públicos

"Todos os camiños conducen a Esperanza Aguirre", agóiralle Barcón á CRTVG

Os socialistas acusan o PP de usar "falsidades" en favor dun modelo de presión informativa e camiño á privatización como o aberto en Madrid.

Redacción - 14:00 29/04/2009
Mar Barcón

Mar Barcón

"Nin lles interesa a pluralidade e liberdade informativa nin moito menos a dignidade do traballo dos profesionais da CRTVG”, acusoulles este mércores aos líderes do PPdeG a secretaria de Acción Electoral e Política Municipal do PSdeG, Mar Barcón.

"Acaba de chegar e xa fala de privatizacións", reprochoulle de xeito concreto ao presidente da Xunta, censurando que se poña en cuestión a titularidade pública da CRTVG. Criticou ademais que Núñez Feijoo "non coñeza as cifras orzamentarias da televisión pública", acusándoo de argumentar "falsidades" ao respecto do custo anual do ente. Barcón lembrou a referencia de Feijoo a un gasto por ano de 200 millóns de euros e subliñou que o orzamento real é de 150 millóns ao tempo que xera ingresos por valor de 22 millóns. "Feijoo mente e sabe que mente”, insistiu a deputada herculina.

"Todos os camiños conducen a Esperanza Aguirre e ás políticas que a dereita está levando a cabo no conxunto de España”, agoirou a deputada socialista. Referíase Barcón dunha banda ás queixas pola presunta censura informativa no canal público Tele Madrid, e á insistencia da presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, sobre a intención de privatizar a cadea. O PP expuxo por vez primeira o ano pasado un documento en contra dos medios de titularidade pública, subliñando que os medios "deben estar en mans da iniciativa privada". Aguirre defendeu en diversas ocasións que o goberno español modifique o marco legal actual sobre terceiras canles de xeito que se poida acometer a privatización dos entes públicos.

Débeda e precariedade laboral pendente de resolver
Por outro lado, Mar Barcón defendeu a xestión realizada polo bipartito os últimos catro anos, indicando que se mellorou a "xestión nefasta e caótica que levaran a cabo os gobernos de Fraga”. Segundo os datos achegados polos socialistas, a débeda en 2005 era de 102,4 millóns, e na actualidade quedou en 64 millóns. Ao respecto, a socialista chamou a atención sobre o feito de que a metade da débeda se xerase entre os anos 2002 e 2004, coincidindo co tempo no que o propio Alberto Núñez Feijoo era vicepresidente da Xunta con Manuel Fraga.

Barcón salientou ademais o índice de temporalidade do 40% existente hai catro anos na CRTVG e falou en favor do plan pactado polo equipo directivo actual cos catro sindicatos representativos dos traballadores para resolver esa situación. Un plan que, lembrou, "foi sistematicamente bloqueado no Consello de Administración polos representantes do PPdeG".


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: