A medida impedirá en gran medida que a policía poida perseguir a súa clientela por infrinxir a lei anti-P2P, aprobada a comezos de mes.
Dúas operadoras de telecomunicacións suecas xa se rebelaron contra a lei que prohibe o intercambio de arquivos no país nórdico. Primeiro foi Bahnhof e, agora, Tele2, as que anunciaron que borrarán todos os datos que identifiquen os enderezos IP da súa clientela dos seus rexistros. Deste xeito, complicarán o labor de localización das persoas que comparten ficheiros na internet.
As medidas, que entraron en vigor o 1 de abril, teñen como obxectivo impedir a descarga de arquivos protexidos con dereitos de autor mediante redes P2P. Xa nos primeiros días se notou un importante descenso do tráfico de internet en Suecia.
O director xeral de Bahnhof, Jon Karlung, asegurou que a medida é legal, pois a lei permite escoller se se gardan ou non os detalles, e que a súa intención é protexer os clientes da compañía. E este luns uniuse á iniciativa Tele2. O director da compañía para Suecia, Niclas Palmstierna, declarou que o borrado dos enderezos IP se efectuará despois de que se usen para o seu procesamento interno.
Sen estes datos, a policía sueca terá moi difícil levar a cabo investigacións sobre suposto infrinximento de dereitos de autor. Ademais, Tele2 é un dos principais operadores do país, con 600 mil clientes. O mes de abril foi especialmente negativo para o P2P en Suecia, despois da condena, o día 17, dun ano de cadea aos catro fundadores de The Pirate Bay.